O Ano Ricardo Portela aprázase a 2021 pola situación sanitaria

Cerdedo Cotobade
01 de xullo 2020

Jorge Cubela explicou que o seu desexo é que a "merecida gran homenaxe ao gaiteiro de Viascón, sen dúbida un dos principais referentes da música tradicional galega e un orgullo para o noso concello", luza nas mellores condicións e chegue, na medida do posible, a toda Galicia. Non ven "viable" conseguilo coa actual situación sanitaria

O gaiteiro Ricardo Portela
O gaiteiro Ricardo Portela / Os abrentes de Cerdedo

O Ano Ricardo Portela que o Concello de Cerdedo-Cotobade prevía celebrar este ano 2020 con motivo do centenario do nacemento do gaiteiro queda aprazado ata o vindeiro 2021. 

Segundo deu a coñecer o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, o goberno local entende que as restricións e as medidas de seguridade sanitaria pola crise do coronavirus impiden que esta lembranza e posta en valor da súa figura se poida celebrar axeitadamente e coa máxima difusión.

Cubela explicou que o seu desexo é que a "merecida gran homenaxe ao gaiteiro de Viascón, sen dúbida un dos principais referentes da música tradicional galega e un orgullo para o noso concello", luza nas mellores condicións e chegue, na medida do posible, a toda Galicia. Non ven "viable" conseguilo coa actual situación sanitaria.

Ricardo Portela "merece o mellor polo seu centenario e imos darllo con toda a nosa humildade e sinxeleza, pero co máximo agarimo e esforzo", insiste Cubela, que cre que as previsións para o resto do ano apuntan a seguir mantendo a máxima prudencia, polo que a única saída é o adiamento.

A designación do Ano Ricardo Portela aprobouse por unanimidade do pleno da corporación a finais do pasado outono e Cubela deu a coñecer a intención do Concello de celebrar diversas actividades da man de todas asociacións culturais e da veciñanza e tamén de nomear ao famoso gaiteiro como Fillo Predilecto de Cerdedo-Cotobade.

Ricardo Portela (Viascón, 1920 - Pontevedra, 1992) foi un dos precursores da música galega, un gaiteiro excepcional e está considerado como o mestre do toque pechado, polo que ten unha importancia cultural de gran calado en toda Galicia e recibe anualmente unha sentida homenaxe en Carballedo, no mes de agosto, con motivo das actividades do Verán Cultural. En principio, este ano tamén se adiará por cuestións sanitarias.