O Atlantic Fest, de mudanza: deixa A Illa e a edición de 2020 celebrarase en Vilagarcía

O Salnés
20 de decembro 2019

Dalgunha maneira, o Atlantic Fest regresa a casa. O festival, herdeiro do desaparecido Festival do Norte, abandona A Illa de Arousa, o seu fogar desde o seu nacemento hai catro anos. Farao para instalarse en Vilagarcía de Arousa. Iso si, con moitas novidades

Un concerto no Atlantic Fest Atlantic Fest

Dalgunha maneira, o Atlantic Fest regresa a casa. O festival, herdeiro do desaparecido Festival do Norte, abandona A Illa de Arousa, o seu fogar desde o seu nacemento hai catro anos. Farao para instalarse en Vilagarcía de Arousa. Iso si, con moitas novidades.

A quinta edición do Atlantic Fest celebrarase, por tanto, os días 24, 25 e 26 de xullo de 2020. Non o fará no recinto de Fexdega, onde se organizaba o Festival do Norte, senón que o festival pretende manter a súa aposta por unha contorna natural privilexiada.

A intención dos organizadores é celebrar os concertos na praia da Concha. Para iso, o goberno municipal de Vilagarcía xa está a tramitar os preceptivos permisos ante Costas.

Esta decisión de marcharse da Illa de Arousa vén motivado pola imposibilidade de seguir crecendo na súa actual localización, nas inmediacións da praia do Bao. Ante esta situación, a compañía New Line Producciones Culturales sempre tivo a Vilagarcía como primeira opción, sinalan desde o Concello.

Os organizadores explicaron que o festival necesitaba máis espazo para poder ofrecer un mellor servizo. Na praia da Concha haberá, entre outras novidades, zonas máis amplas para restauración, aumentando o número de foodtrucks, metros de barras e espazos para descansar.

O novo recinto será utilizado para os días 24 -cun concerto presentación- e 25 de xullo, mentres que o domingo 26 de xullo a música trasladarase ao centro de Vilagarcía, a un lugar aínda por determinar.

A saída do festival do municipio insular produciuse de maneira amigable e de acordo coas autoridades, algo que o goberno municipal de Vilagarcía valorou "positivamente" á hora de negociar cos organizadores.

Para o Concello, recuperar este evento "era un desexo" ao encaixar na liña de traballo municipal de atraer á vila grandes eventos de diferentes estilos musicais como o Vilablues, o festival Revenidas ou o festival internacional de música clásica.