O Casal de Ferreirós proxectará o documental ’20 anos de dignidade’, sobre o afundimento do Prestige

Poio
21 de xaneiro 2023

A actividade, que dará comezo o vindeiro 27 de xaneiro ás 20.30 horas, será de entrada libre e está organizada pola Concellería de Memoria Histórica, en colaboración coa Deputación de Pontevedra e a Plataforma Nunca Máis

Ave petroleada a causa do desastre do Prestige Greenpeace / Pedro Armestre

A concelleira de Cultura do Concello de Poio, Raquel Rodríguez, informou de que o Casal de Ferreirós acollerá o vindeiro 27 de xaneiro, venres, a proxección do documental '20 anos de dignidade'. 

Trátase dunha peza audiovisual que analiza o desastre ecolóxico que supuxo o afundimento do Prestige, unha catástrofe medioambiental que tivo lugar en novembro de 2022 e do que recentemente se cumpriron dúas décadas. A cita terá lugar a partir das 20.30 horas e será de entrada libre.

A actividade organízase en colaboración coa Deputación de Pontevedra e a Plataforma Nunca Máis. A obra está dirixida polo director pontevedrés Xosé Manuel Aragunde, ten unha duración de 45 minutos e inclúe, ademais de imaxes do afundimento, testemuñas e entrevistas de persoas da sociedade que viviron aquela terrible experiencia moi de preto, como foron os sectores máis afectados pola catástrofe, como a xente do mar, así como os voluntarios que non dubidaron en sumarase activamente ás tarefas retirada do fuel, xunto aos profesionais do mar e do marisqueo, en moitas ocasións sen contar con apenas medios.

A iniciativa organízase a través da Concellería de Memoria Histórica e enmárcase tamén nunha semana moi especial, xa que o 26 de xaneiro é cando se conmemora o Día Internacional do Medio Ambiente. 

Raquel Rodríguez salienta a importancia de dar visibilidade a este documental, xa que "recolle a que sen dúbida foi a maior catástrofe medioambiental na historia do país" e que se cebou especialmente coas rías da provincia de Pontevedra. A edil do BNG incide, asemade, na necesidade de que estes feitos sexan coñecidos polas novas xeracións, para que "cobren conciencia" das graves consecuencias do sucedido e da importancia de preservar a contorna.