O Festival das Cóxegas volve o domingo con danza contemporánea para a infancia

Pontevedra
18 de novembro 2016

A cita será no Pazo da Cultura de Pontevedra coa compañía Da.Te Danza e o seu espectáculo 'Cuál es mi nombre?', dirixido por Omar Meza e Rosa Díaz. A venda anticipada de entradas estase a realizar en Ataquilla.com a un prezo de 6 euros máis gastos 

Espectáculo 'Cuál es mi nombre?', de Da.Te Danza Da.Te Danza

O Festival das Cóxegas volverá este domingo ao Pazo da Cultura de Pontevedra da man da compañía Da.Te Danza e o seu espectáculo de danza contemporánea para a infancia ¿Cuál es mi nombre?, dirixido por Omar Meza e Rosa Díaz.

Por terceira fin de semana consecutiva, este domingo 20 de novembro a cita coas artes escénicas para toda a familia será ás 18.30 horas e está recomendada para nenos a partir de dous anos

O espectáculo de danza e interpretación, de 45 minutos de duración, xirará arredor da idea de que a identidade fortalécese cos anos, pero a túa esencia está en ti dende que naces. Amas, ris e choras, e non importa a túa roupa, de onde veñas ou cal é o teu nome.

A venda anticipada de entradas estase a realizar en Ataquilla.com a un prezo de 6 euros máis gastos e, non caso de non esgotarse, tamén haberá entradas dúas horas antes do espectáculo na billeteira do Pazo da Cultura.