Libros, xogos espaciais e imaxinación combínanse no cartel que este 2023 se converterá na imaxe da XXIV edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que se dedica ao xogo.
O autor deste traballo é Iván Rodríguez, un ilustrador de Nigrán con ampla experiencia en diferentes campos destacando como deseñador na fundación de Sybila. Actualmente traballa como director de arte no sector editorial e realiza obras para diferentes empresas editoras desde o seu estudo en Vigo. As súas obras como autor de texto e ilustración son 'Os Winkle. Máis finos ca un allo' (Cumio, 2022) e 'Gloria' (Triqueta editora, 2023). Participou noutras edicións do Salón do Libro como monitor de talleres de ilustración.
Rodríguez e Carmen Fouces, concelleira de Cultura, presentaban o cartel desta edición, escollido polo xurado entre outras sesenta opcións. O autor explicaba que na elaboración combinou as formas xeométricas das pezas de madeira que se utilizan para xogar e a imaxe dos libros ofrecendo unha "lectura moi rápida para entender a temática" deste ano.
"O xogo daba moito xogo para traballar", expuxo Iván Rodríguez que se inspirou nos elementos utilizados polos escolares en xogos de construción con libros abrindo universos imaxinativos, todo unificado a través de cores primarias.
Pola súa banda, a concelleira Carme Fouces destacaba "o importante peso que lle damos ao cartaz na medida na que cremos que a ilustración é unha das patas sobre as que se edifica o Salón, a literatura infantil e tamén unha parte da literatura para adultos".
O Salón do Libro celebrarase entre o 21 de abril e o 7 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra e homenaxeará a María Fe Quesada e a Manuel Lourenzo. A literatura colombiana será a convidada nesta edición. Durante os próximos días, a organización ten previsto presentar as novidades para este ano.