O Salón do Libro encherá as rúas de Pontevedra de arte urbana cun Laboratorio Creativo

Pontevedra
15 de marzo 2023

Pontevedra acollerá unha 'Troca de libros' no Pazo da Cultura e unha residencia creativa que se levará a cabo a semana do 24 ao 30 de abril na que dous artistas traerán a arte urbana á cidade

Presentación da 'Troca de libros' e o I Laboratorio Creativo
Presentación da 'Troca de libros' e o I Laboratorio Creativo

O XXIV Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra contará cunha 'Troca de libros' e un Laboratorio Creativo, un espazo de participación e creación vencellado á arte urbana. Este mércores tivo lugar a presentación destas actividades na que estiveron presentes Carme Fouces, concelleira de Cultura; David Castro, director do I.E.S. Torrente Ballester; e Iria Rodríguez, unha das fundadoras da asociación Galpón Lab. 

A 'Troca de libros' levarase a cabo o domingo 23 de abril, Día do Libro no Pazo da Cultura. O obxectivo desta iniciativa é, segundo Castro, "darle una nueva vida a todos los libros que tenemos en casa, que ya hemos leído y con los que ya no queremos contar".  Esta actividade conta coa participación de 15 centros educativos de infantil, primaria e secundaria que "ha aumento considerablemente". 

O director do Torrente Ballester incidiu en que a única condición para intercambiar os libros é que estean conservados en bo estado. Este ano, todos os tipos de libros, pasando por ensaios e manuais, serán aceptados agás as enciclopedias

A iniciativa contará coa novidade da 'Troca Exprés' que se levará a cabo directamente desde o Salón do Libro e estará activa durante a semana do 24 ao 30 de abril. Calquera persoa que queira participar poderá levar un libro e intercambialo cos expostos nos centros ou conseguir un vale para trocar con outro libro.

Por outra parte, da man da asociación do Galpón Lab, levarase a cabo un Laboratorio Creativo. Dous artistas, que se elixirán nunha convocatoria que estará aberta desde este xoves 16 de marzo ata o 7 de abril, actuarán na semana do luns 24 ao 30 de abril realizando un xogo e un diálogo entre eles e coa cidadanía vinculadas á arte urbana.  

A convocatoria está orientada a todo tipo de artistas emerxentes con prácticas que poidan ser adaptadas á pintura nos espazos de mobiliario urbano dispoñibles para esta práctica. Deben ser maiores de idade e residir en Galicia para poder participar xa que, segundo Iria Rodríguez, se pagará a manutención e o desprazamento.