O Museo de Pontevedra amplía o número de visitas guiadas durante a Semana Santa

Pontevedra
21 de marzo 2018

Desde o domingo 25 de marzo ata o domingo 1 de abril realizaranse dúas visitas guiadas diarias, unha pola mañá e outra pola tarde. Trátase dun percorrido histórico-artístico pola colección permanente que se ofrece de maneira gratuíta

Visitas Cruzadas do Museo Mónica Patxot

Semana Santa trae consigo unha variedade de actividades na cidade que prometen sacar aos pontevedreses da súa rutina durante uns días. Entre elas, está o programa de visitas guiadas do Museo de Pontevedra, que establecerá novos itinerarios pola colección permanente de maneira gratuíta durante esas datas.

Desde o domingo 25 de marzo ata o domingo 1 de abril -exceptuando o luns- levarán a cabo dúas visitas diarias, a primeira ás 11.30 horas -sendo este horario o único para domingos e festivos- e a segunda ás 18.00 horas.

Co nome 'Visita Especial de Semana Santa' os asistentes poderán participar nun itinerario comentado que se deterá nas obras máis representativas dos edificios Sexto e Sarmiento.

Xoias da prehistorias e antigüidade, baldaquinos de finais do século XV ou obras de grandes artistas galegos de gran prestixio serán algunhas das mostras presentes no percorrido histórico-artístico que non necesita inscrición previa. O punto de encontro establécese no mostrador do Sexto Edificio.

Para 'A ruta do Museo' con todo, si que é necesario apuntarse previamente. O itinerario fixo seguirá celebrándose os sábados, ás 11.30 horas, aproximando o público á historia dos seis edificios que compoñen o Museo de Pontevedra, así como as principais coleccións custodiadas.

Os 90 minutos de visita teñen como punto de encontro as Ruínas de San Domingos, e a inscrición faise a través do correo gabinetedidactico.museo@depo.es, ou chamando ao teléfono 986 804 100 extensión 42413.