O Museo de Pontevedra, galardoado polo seu patrimonio cultural nos Premios da Cultura Galega 2016

Pontevedra
19 de setembro 2016

Os premios, convocados pola Xunta de Galicia, recoñecen o traballo de persoas e institucións nos distintos ámbitos da creación, a conservación do patrimonio e a difusión da cultura galega

O Museo de Pontevedra conmemora o Día dos Arquivos
O Museo de Pontevedra conmemora o Día dos Arquivos / Mónica Patxot

O Museo de Pontevedra converteuse nunha das institucións galardoadas este ano cos Premios da Cultura Galega, acompañando a María Xosé Queizán, Miguel Fernández-Cid, Sarabela Teatro, Maximino Zumalave, a cooperativa Numax, a Irmandade Xurídica Galega e Elena Zernova nas distincións deste 2016.

Os premios, convocados pola Xunta de Galicia, recoñecen o traballo de persoas e institucións nos distintos ámbitos da creación, a conservación do patrimonio e a difusión da cultura galega.

A concesión ao Museo provincial, dependente da Deputación, é un recoñecemento a unha institución pública dedicada a conservar, exhibir, investigar e difundir pezas de singular valor patrimonial. Destácase a programación expositiva, o labor de investigación propia centrada principalmente nos seus fondos.

Neste sentido faise un especial fincapé nos fondos de obras de Castelao e de interese artístico como esculturas de profetas procedentes da fachada exterior da catedral de Santiago, a colección de olería tradicional ou a colección Sodesco composta por 313 pinturas de autores galegos e foraneos de entre os séculos XV e XX, entre os que destacan obras de Berruguete, Sorolla, Van Der Hamen ou Rusiñol.

Este ano presentáronse corenta candidaturas. O galardón desta edición consistirá nunha escultura do artista Manolo Paz, que os premiados recibirán nun acto solemne con data aínda por determinar.