O Principal vístese con alfombra amarela para reivindicar a memoria histórica coa estrea de "Acorda"

Pontevedra
18 de setembro 2021

O departamento de Memoria Histórica da Deputación reuniu para este evento a ducias de integrantes de colectivos memorialistas e representantes institucionais xunto a intérpretes como Uxía, Tanxugueiras, Sheila Patricia ou Eladio Santos

Estrea do documental 'Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra'
Estrea do documental 'Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra' / Mónica Patxot

O amarelo, a cor corporativa do programa de Memoria Histórica ‘O Pasado Por Vir’ da Deputación de Pontevedra foi este venres a cor da alfombra de gala que pisaron todas as protagonistas do documental ‘Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra’ no Teatro Principal.

A preestrea da peza, que se fixo coidando ata o último detalle, fixo un percorrido polos “lugares onde habitou o silencio, o medo e a perda, poboándoos de música, cancións e palabras”, e puxo de manifesto a transcendencia que para a Deputación ten “camiñar ao lado das vítimas” e “poñer o foco na aposta pola liberdade”, segundo subliñou a deputada de Memoria María Ortega. 

O acto comezou coa apertura do photocall no que se retrataron as deputadas provinciais e as intérpretes Uxía, Tanxugueiras, Sheila Patricia, Eladio Santos; parte do elenco de actrices e actores como Tero Rodríguez, Andrés Giráldez, Sofía, Gonzalo Valcárcel, Ana Facchini, Clara Iglesias, María Porto, María Diéguez, André Ces ou o pequeno Lois Pérez; a fotógrafa Alba Díaz e o guionista Lois Pérez; a asesora Montse Fajardo; así como testemuñas como Queta Molas, Blanca Francés ou ‘Tatán’, que participaron todos eles no documental, xunto con representantes dos colectivos memorialistas.

O poeta Lois Pérez, exercendo de presentador, afirmou que o documental ‘Acorda’ fíxose con toda a alma e moito esforzo, “buscando a poesía da verdade”, pero tamén implicou un exercicio de responsabilidade, “o de honrar xustamente esa verdade dos feitos e a memoria das vítimas”. Sabemos, dixo,  que se trata dun proxecto “que é só un gran de area máis nunha inxente causa colectiva” que lideran moitas persoas e asociacións e colectivos “que levan moito tempo, nalgúns casos toda a súa vida, loitando para que se faga xustiza e se honre a memoria das vítimas e a súa dignidade”. 

Tomou logo a palabra a deputada María Ortega, para sinalar que é un día importante no que “imos facer memoria cunha arma moi potente para a reivindicación: a arte, a música. A reivindicación da verdade, da xustiza e da reparación, da loita pola impunidade. A reivindicación da resistencia, a reivindicación das ideas, a reivindicación da liberdade”.

Logo da proxección do documental, que durou unha hora, deuse paso a un pequeno coloquio no que participaron Uxía, como directora artística, e Blanca Francés, neta de represaliado, e Queta Molas, presidenta ARMH de Marín, ambas participantes en ‘Acorda’.

Outro dos momentos máis emotivos da xornada foron as intervencións de Queta Molas e Blanca Francés. A primeira fixo un percorrido polo seu compromiso coa memoria, lembrando a súa infancia e ao seu pai falando do lazareto e a caixa feita a man con madeira de buxo do paseo de San Simón que aínda conserva con fotos e cartas da época. 

Subliñou que aos poucos ela foi coñecendo a historia tanto do seu proxenitor como doutros homes que estiveran en San Simón, e interiorizando as historias de fusilamentos, paseos, cárcere e problemas cos papeis que arramplaran a mocidade de todos eles. Molas manifestou a súa esperanza en que no curto prazo as dúas rúas aínda con nomes relativos ao Franquismo en Marín e os símbolos da igrexa vella sexan retirados en homenaxe ás vítimas. 

Blanca Francés, pola súa banda, afondou na historia da súa familia que non puido contar no documental: que fusilaron a un tío no mes de xullo, ao avó en agosto e a dous tíos-avós en setembro. “Todas as historias estaban sumidas no silencio. Nós os nenos non sabiamos nada. Eu non sabía de que morrera meu avó... Cando unha curmá me dixo que o mataran eu imaxinaba un heroe nun cabalo branco entrando nunha praza morto dun disparo, pero nunca preguntei. Despois meu pai comezou a falar e nunca parou”, dixo.

Francés fixo tamén unha chamada á xente moza para que “coñezan e sigan contando memoria”. ”Eu síntome como a portadora da memoria. Os meus fillos tamén. Quero que a xente saiba para que non volva pasar", rematou.