O traxe tradicional galego loce na pasarela da Deputación Provincial

Pontevedra
11 de xuño 2017

'Sete varas, un refaixo' ofreceu por primeira vez en Galicia un desfile con 45 modelos e máis de 700 pezas antigas de distintas épocas históricas e comarcas do país nun acto organizado pola Deputación Provincial, o Concello de Pontevedra e a Asociación Etnográfica Sete Espadelas.

Desfile de traxes tradicionais 'Sete varas, un refaixo' na Deputación Provincial Diego Torrado

45 modelos converteron durante a noite deste sábado 10 a zona de entrada do Pazo Provincial da Deputación nunha pasarela de moda tradicional con traxes antigos da historia de Galicia. Baixo o título 'Sete varas, un refaixo' mostráronse máis de 700 pezas de distintas épocas históricas e de distintas comarcas do país. 

A Asociación etnográfica Sete Espadelas foi a encargada de organizar este evento que se realiza por primeira vez en Galicia, coa colaboración da Deputación Provincial que celebra o ano do patrimonio e do Concello de Pontevedra. 

A pasarela desenvolvíase como un desfile de alta costura cos modelos percorrendo un traxecto desde as escaleiras interiores do Pazo ata a escalinata situada fronte á Alameda. Centos de persoas seguiron o evento desde as 320 butacas instaladas tanto dentro como fóra do edificio provincial.

Ao mesmo tempo que se realizaba o desfile, os membros da asociación comentaban detalles sobre as diferentes indumentarias, algunhas delas pertencentes aos séculos XVIII e XIX, período de maior apoxeo do traxe galego.