O Xurado Novo de Curtas Armadiña 2018 elixe o mellor videoclip

Poio
24 de outubro 2018

O Xurado Novo do Curtas Armadiña elixiu este mércores o mellor videoclip galego presentado ao certame audiovisual Curtas Armadiña 2018. A decisión da mocidade coñecerase o domingo 18 de novembro na gala final

O Xurado Novo do Curtas Armadiña elixiu o mellor videoclip galego ACDeM Armadiña

O Xurado Novo do Curtas Armadiña elixiu este mércores o mellor videoclip galego presentado ao certame audiovisual Curtas Armadiña 2018. A decisión da mocidade coñecerase o domingo 18 de novembro na gala final.

Tal e como recollen as bases do certame, este xurado está composto por alumnado do IES de Poio de entre 15 e 17 anos. Para ser aceptadas a concurso, as pezas audiovisuais debían estar rematadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2017, contar cun máximo de 10 minutos de duración e provir de bandas ou artistas que empreguen o idioma galego nas súas letras.

Ao visionado acudiron os membros da organización de Curtas Armadiña 2018 Tamara Andrés, Adrián González e Diego Piñeiro. Os videoclips que figuran na selección oficial da edición deste ano son:

  • 'Eira', de Moura (gravado en directo en Castelo Studio por Maritxu Alonso, Pablo Soto Goluboff e Eduardo Vila; edición de Hugo Salgueiro)
  • 'A casa da ledicia', de Susana Martínez (animación e ilustracións de Luz Beloso)
  • 'Leiraz', de Boyanka Kostova (vídeo de 999K)
  • 'Vitamina', de Bala (gravación de Luis Casanova, edición de Rawrcord)
  • 'Fai o que queiras', de Peña (vídeo de Montse Piñeiro)
  • 'Diversa e diferente', de Skandalo GZ (realizado por Adrián González e Daniel Pérez)
  • 'Cambados cara B', de Arousa vice (filmado por Manu Paz e con postproducción de Darío Padín)
  • 'Cultura crítica', de Nao feat SonDaRúa e Tanxugueiras (dirixido por Alberto Lora)
  • 'Pasa ti', de Raiba (realizado por Adrián González e Daniel Pérez)
  • 'Veleno' de GHZ feat Hugo Guezeta (realizado por Adrián González)
  • 'Liberando mentes' de SonDaRúa (realizado por Diaño Filmes)

 

O certame audiovisual Curtas Armadiña 2018 celebrarase en Poio do 12 ao 18 de novembro. 

Coa inclusión desta sección de videoclips, a organización quere visibilizar a calidade da industria musical en lingua galega e promocionar o videoclip como unha peza audiovisual que cómpre valorizar.

A obra elixida polo Xurado Novo como mellor videoclip recibirá un trofeo en forma de áncora e mais un talón por valor de 300 euros. O festival Curtas Armadiña está organizado pola ACDeM Armadiña.