Oito cines galegos estrean a película pontevedresa "A estación violenta"

Pontevedra
30 de maio 2018

A estación violenta chega aos cines. Tras o seu paso por varios festivais, a película comeza a súa carreira comercial. A partir deste venres 1 de xuño poderá verse en oito cinemas galegos, entre eles os de Vialia en Pontevedra

Presentación da película "A estación violenta" Mónica Patxot

A estación violenta chega aos cines. Tras o seu paso por varios festivais, a película comeza a súa carreira comercial. A partir deste venres 1 de xuño poderá verse en oito cinemas galegos, entre eles os de Vialia en Pontevedra.

O filme preestrearase este xoves nos cinemas Numax de Santiago de Compostela e, a partir do día seguinte, poderá verse tamén en salas comerciais das cidades da Coruña, Vigo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Lugo e Marín.

No caso de Pontevedra, ademais, haberá un pase especial o sábado 2 de xuño, a partir das oito da tarde, que contará cun coloquio no que participará parte do equipo da película, proxecto da produtora pontevedresa Matriuska.

A estación violenta é a adaptación dunha novela escrita polo xornalista Manuel Jabois. Trátase da ópera prima da directora pontevedresa Anxos Fazáns.

Rodada integramente en galego, narra o reencontro entre tres amigos de mocidade nunha etapa complexa das súas vidas, dominada pola frustración e a ausencia dun futuro brillante. Faino con ambiente da noite e do "underground" galego como pano de fondo, por iso é polo que a música adquira unha gran importancia no filme.

A película está protagonizada polos actores Nerea Barros, Alberto Rolán, Xosé Barato, Antonio Durán "Morris", Xiana Arias e Laura Lamontagne, e xa se proxectou con éxito en festivais de Sevilla, Barcelona ou Bos Aires. O último deles, foi o festival de Cans. 

Na presentación da película, que tivo lugar este mércores en Pontevedra -cidade que acolleu gran parte da súa rodaxe-, Fazáns celebrou que vaian coincidir dúas películas rodadas en galego na carteleira, algo que implica un "esforzo moi importante".

Un dos seus protagonistas, Alberto Rolán, destacou que esta película contribúe a "poñer en valor" a cultura e o idioma galego fronte á "globalización" e o "pensamento único" cara ao que, dixo, parece camiñar a sociedade.

"Lonxe de ter complexo diso convérteo na súa bandeira", sinalou Rolán, que explicou que a rodaxe da película foi "moi intensa", algo que obrigou ao equipo a estar "involucrado ao máximo" na historia.

O actor Antonio Durán "Morris" sinalou que o seu é un papel " pequeno" pero "moi importante" para a historia que narra a película e destacou a "mirada especial" que achega a directora "sobre o mundo que nos rodea".

Trátase, subliñou, dunha película que presenta unha historia "universal" co que público de todo o mundo pode verse identificado e faino, engadiu, "sobre a base da amizade, da frustración, da felicidade ou da nostalxia".

Todos eles coincidiron en que A estación violenta é unha película "de sensacións" e non tanto de "grandes textos" e mostráronse convencidos de que gustará ao público.

Forma parte, engadiron, dun momento doce do audiovisual galego que debe servir como "punto de inflexión", segundo explicou "Morris", porque "o temos todo" para facerse un oco importante no panorama nacional.