O Concello de Caldas de Reis deu a coñecer este mércores unha das citas máis importantes das Festas de San Roque.
O tenente de alcalde e edil de Cultura e Festexos, Manuel Fariña, adiantou que o dia 15 de agosto terá lugar un concerto gratuíto de Ortiga, que estará acompañado pola Banda de Música Municipal da vila.
Trátase dunha actuación totalmente novidosa, que misturará os ritmos alternativos que caracterizan o traballo de Ortiga, o proxecto musical do santiagués Manuel González, coas melodías e os sons da Banda de Música de Caldas de Reis, que "representa o talento e todo o mellor do noso concello", sinalou Fariña.
O concelleiro nacionalista fixo este anuncio acompañado polo director da propia banda, Javier Penido, e o composiitor Andrés Álvarez.
Todos eles coincidiron á hora de resaltar o carácter novidoso desta proposta, xa que servirá para ofrecer ao público unha fusión musical "que non deixará a ninguén indiferente".
O tenente de alcalde recoñeceu sentirse especialmente emocionado e ilusionado por poder ofrecer esta proposta dentro da programación das festas a toda a veciñanza de Caldas de Reis.
"Será, sen lugar a dúbidas, unha das grandes atraccións e un dos mellores momentos das festas", augurou.
Manuel Fariña lembrou que este concerto serve para continuar cumprindo coa premisa de ofrecer propostas lúdicas pensadas para todos os públicos.
"A nivel persoal faime moita ilusión ver como os mozos e mozas que forman parte da Banda de Música van ter a oportunidade de compartir escenario con Ortiga, que actualmente é unha das referencias máis importantes da música galega", salientou o titular de Cultura e Festexos.
Con respecto ao concerto, constará de 21 temas. O compositor Andrés Álvarez será o encargado de levar a cabo os arranxos que substituirán ás melodías electrónicas que caracterizan ao estilo de Ortiga.
Pola súa banda, Javier Penido transmitiu a "ilusión" que existe dentro da Banda de Música Municipal por participar neste evento.
"Será un auténtico ‘bombazo’. A xente vai ter ocasión de escoitar a Ortiga de maneira totalmente distinta e para nós é unha honra poder formar parte deste proxecto", sinalou o director da agrupación.

Manuel Fariña augurou que este evento "fará as delicias da nosa veciñanza" e amosouse convencido de que tamén servirá de atractivo para atraer a moitos visitantes á vila, tendo en conta a traxectoria tanto de Ortiga como da Banda de Música Municipal.
Non hai que esquecer que esta última está a recoller numerosos éxitos nos últimos anos, destacando o recente triunfo acadado no Certame Ciudad de Valencia, que "é o equivalente á ‘Champions League’ das bandas de música", finalizou o tenente de alcalde.