Os festivais de cine de Pontevedra agruparanse baixo unha marca conxunta

Pontevedra
21 de abril 2020

Nove festivais de cine da provincia de Pontevedra, entre eles Novos Cinemas de Pontevedra, o FICBueu, o Curtas Film Fest de Vilagarcía ou o Curtas Armadiña de Poio, quedarán agrupados, baixo o paraugas da Deputación, nunha marca propia que fomente o audiovisual da provincia

Encontro telemático de Carmela Silva cos festivais de cine de Pontevedra Deputación de Pontevedra

Nove festivais de cine da provincia de Pontevedra, entre eles Novos Cinemas de Pontevedra, o FICBueu, o Curtas Film Fest de Vilagarcía ou o Curtas Armadiña de Poio, quedarán agrupados, baixo o paraugas da Deputación, nunha marca propia que fomente o audiovisual da provincia.

Esta iniciativa, similar á adoptada hai uns anos polos festivais de música como #RíasBaixasFests, foi acordada nunha xuntanza telemática que Carmela Silva mantivo cos representantes da Asociación Proxecta, que agrupa festivais de cine de toda Galicia

A creación dunha marca propia do audiovisual suporía, segundo a presidenta da Deputación, incluír aos festivais de cine no relato provincial como un "potente instrumento" de crecemento económico ou emprego e unha "diferenciación" da provincia no eido cultural.

"A cultura ten que ser un sector estratéxico na saída da crise e temos que axudar a manter as estruturas culturais", explicou Silva, que garantiu que o seu goberno traballará para que todos os festivais de cine poidan celebrarse. Para iso comprometeu que a financiación vaise manter. 

Ademais destes catro festivais, a marca tamén abarcará, nun principio, ao Festival de Cans, o Play-Doc de Tui e a tres eventos en Vigo, o Festival Primavera do Cine, o Festival Internacional de Cine Inclusivo e o Galician Freaky Film Festival.

Carmela Silva apelou tamén a unha necesaria coordinación entre todas as administracións, a través dun plan estratéxico que debería elaborar a Xunta. "Se non tomamos decisións agora algúns destes proxectos poden desaparecer", advertiu.

Neste sentido, Silva defendeu a harmonización das subvencións culturais, cunhas bases similares entre todas as administracións "para que todos saibamos como e onde nos movemos" A Deputación, engadiu, destina 130.000 euros a estes nove festivais de cine.  

O organismo provincial, con todo, comprometeuse a flexibilizar as bases das axudas, adiantar parte das subvencións e, no caso de que algún dos festivais non se poida facer, asumir o gastos feitos ata este momento.