PODCAST. Houbo unha vez un pazo do que se escribiu un 'Diario do paraíso'

Pontevedra
12 de abril 2026

Martha Dahlgren publica a súa primeira novela. En 'Diario do paraíso' ficciona a cotidianeidad vivida no Pazo do Cadro de Marín, cando foi propiedade da xornalista sueca Christina Lilliestierna e o seu marido Jean Novial

'Diario do paraíso' é a primeira novela de Marta Dahlgren
'Diario do paraíso' é a primeira novela de Marta Dahlgren / PontevedraViva

En ocasións para transitar polo pasado é necesario facelo acoutando distancias. Recorrer á ficción para recrear o que se viviu de cerca é a ferramenta que empregou Marta Dahlgren en 'Diario do paraíso'. É a súa primeira novela.

Sobre a autora, apuntar que é sueca de orixe e que desde 1964 ten a nacionalidade española. Unha vez instalada en Galicia doutorouse en Filoloxía Inglesa na Universidade de Santiago e posteriormente foi profesora titular de Filoloxía e Tradución na Universidade de Vigo.

Profesionalmente tamén traduciu obras do inglés e o sueco ao castelán e ao galego, lingua na que escribiu 'Diario do paraíso'. Xa xubilada continúa, desde a súa casa na Ramallosa, traducindo novelas suecas ao galego.

Sobre esta novela, Dahlgren recorre a nomes de ficción e a dulcificar momentos do pasado para dar a coñecer, ou para reavivar na memoria, a unha parella de estranxeiros que mediada a década do sesenta deixaron un mundo cosmopolita para asentarse nun pazo pontevedrés.

A través de Iria, unha moza de dezaseis anos que entra a servir no pazo e convértese nunha muller imprescindible para todo, a lectura vai transitando entre o verán de 1985 e xaneiro de 1990. É o momento en que termina o seu traballo naquel lugar, porque o matrimonio faleceu e a propiedade é vendida polo seu herdeiro.

A propia autora aclara no libro que dona Ana e don Xan están inspirados na xornalista e escritora sueca Christina Lilliestierna e o seu marido Jean Novial que en 1964 compraron o Pazo do Cadro situado en San Tomé de Piñeiro, Marín. Non son os únicos alter egos que emprega na novela, como comenta no podcast 'Cara a cara'.

Un consello antes de achegarse ás páxinas de 'Diario do paraíso' e así comprender en toda a súa extensión (e realidade) esta novela: escoitar o podcast 'Cos 5 sentidos' de PontevedraViva Radio titulado 'Christina Lilliestierna e o Pazo do Cadro'.