Ponteatro bota a andar este xoves no Teatro Principal

Pontevedra
06 de outubro 2022

O ciclo, que esgotou a venda de abonos, contará con 6 espectáculos que terán lugar ata o 10 de novembro. As entradas para cada espectáculo a un prezo de 8 euros (4 euros para estudantes, desempregados e maiores de 65) están á venda en Ataquilla.com e de non esgotarse, unha hora antes na billeteira do Teatro

"As Cigarreiras", de Contraproducións Contraproducións

Unha nova edición do ciclo Ponteatro terá lugar entre este xoves 6 de outubro e o 10 de novembro, ás 21 horas no Teatro Principal.

A boa acollida do evento teatral fixo que se esgotaran os 50 abonos que se puxeron á venda a un prezo de 32 euros e na actualdiade só é posible mercar entradas soltas para cada función a partir de 4 euros en Ataquilla.com ou unha hora antes do espectáculo na billeteira do Principal, de non esgotarse na venda online.

Este xoves 6 de outubro comeza a programación con "As que limpan", de A Panadería. Con Areta Boado, Noelia Castro e Ailén Kendelman. 

O 13 de outubro Inversa Teatro representará "O péndulo" unha obra sobre como se desenvolveron a sublevación militar de 1936 e o inicio da Guerra Civil en Galicia. Con Marta Pérez, Rosa Puga e Nerea Brey, dirixidas por Carlos Álvarez-Ossorio. 

Para o 20 de outubre programouse "Golfa", de Crémilo. Unha comedia transmedia que, desde as artes escénicas, trata a sexualidade. Con Fran Cantos/Pedro Rubio, Ana Varela, María Rivera/Mercedes Borges e Ninton Sánchez/Álvaro Sanchís. Dirixe José Padilla.

O día 27 de outubro representarase "O porco de pé", a cargo de Produccións Excéntricas. Unha versión de Pepe Sendón dirixida por Quico Cadaval con Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo.

E o 3 de novembro chegan "Cigarreiras", de Contraproduccións. Baseado en La Tribuna de Emilia Pardo Bazán, é unha proposta dramatúrxica audaz que, con sete actrices en escena, conxuga o ton propio dun drama individual e colectivo como La Tribuna, con outros máis frescos e lixeiros, mesmo cómicos pormomentos, tan característicos da narrativa de Pardo Bazán. Con Tamara Canosa, Susana Dans, Merce Castro, Isabel Naveira, Covadonga Berdiñas, Ana Santos e Ledicia Sola. Dirixe Cándido Pazó.

A última das obras do ciclo Ponteatro será o 10 de noviembre "Smoke on the water" de Ibuprofeno Teatro. Trátase dunha traxicomedia sórdida. Con Josito Porto, Belén Constenla, Adrián Ríos, María Costas e Mon Orencio, dirixidos por Santiago Cortegoso.