Tres comedias pasadas por auga na programación de setembro do Cineclube Pontevedra

Pontevedra
09 de setembro 2025
Actualizado: 15 de outubro

Volve o cine ao Teatro Principal con tres películas de Nanni Moretti, Howard Hawks e Takeshi Kitano, e a primeira longametraxe da directora india Payal Kapadia

Imaxe do film 'Man´s Favorite Sport' Cineclube Pontevedra

Este mes de setembro, o Cineclube Pontevedra arranca con forza e bo humor.

A cita é no Teatro Principal, onde cada martes nos espera unha película para refrescar a mente e o espírito, empezando o martes 16 de setembro, cunha programación que mestura comedia, crítica política, aventuras sentimentais e cine documental de alto voo.

O fío condutor son tres comedias molladas asinadas por Nanni Moretti, Howard Hawks e Takeshi Kitano, máis o potente debut da directora india Payal Kapadia.

Martes 16 – Palombella Rossa (1989). O encargado de abrir a tempada é Nanni Moretti cunha sátira política tan surrealista como divertida.

En plena piscina e durante un partido de waterpolo, o seu álter ego de sempre, Michel Apicella, cuéstionase o rumbo do Partido Comunista Italiano mentres na tele soa Doutor Zhivago.

Todo iso aderezado con música de Battiato e Springsteen. Unha xoia que se presentou no Festival de Venecia en 1989, xusto antes da caída do Muro de Berlín.

Martes 23 – O seu xogo favorito (Man's Favorite Sport?, 1964) A semana seguinte toca gargallada clásica da man do mestre da comedia screwball, Howard Hawks.

Con Rock Hudson como un suposto experto en pesca que non colleu unha cana na súa vida, e unha irresistible Paula Prentiss que pon as regras do xogo, esta comedia de enredos e guerra de sexos lembra se cadra de Bringing Up Baby. Unha delicia vintage que non pasa de moda.

Martes 30 – O verán de Kikujiro (1999). Para pechar o mes, o icónico Takeshi Kitano lévanos de viaxe cunha road movie tenra, hilarante e profundamente humana.

Con chiscadelas a Chaplin e Jacques Tati, esta historia dun neno en busca da súa nai e un adulto (moi pouco convencional) como guía, foi nomeada á Palma de Ouro en Cannes e premiada na Seminci.

E os luns, cine de autor coa Filmoteca de Galicia. O luns 22 chega tamén unha estrea moi especial dentro do ciclo en colaboración coa Filmoteca de Galicia: Unha noite sen saber nada (2021), o poderoso debut de Payal Kapadia.

Este documental, con ecos de Chris Marker ou Pasolini, gañou o prestixioso Oeil d'Or en Cannes e mergúllanos nas protestas estudantís da India, narradas desde dentro por unha directora que viviu todo en primeira persoa. Cine político, íntimo e imprescindible.

As portas ábrense ás 20:00 horas e as sesións comezan puntualmente ás 20:30 horas.

Todas as películas proxéctanse en versión orixinal subtitulada en español (VOSE).