Queralt Lahoz e Tres Pesos acompañarán a Gala i Ovidio en Con voz de muller

Pontevedra
06 de xullo 2026

Será durante cinco días, entre o mércores 29 de xullo e o domingo 2 de agosto. A Praza da Ferrería será de novo o epicentro de toda a súa actividade

Queralt Lahoz

Con voz de muller, o ciclo que como o seu nome ben indica cede todo o protagonismo ás artistas femininas, volverá ter o seu oco destacado nas Festas de Verán de Pontevedra.

Será durante cinco días, entre o mércores 29 de xullo e o domingo 2 de agosto.

A Praza da Ferrería será de novo o epicentro de toda a súa actividade.

O concerto de Gala i Ovidio, que xa fora anunciado, marcará o arranque do ciclo.

O público poderá gozar, a partir das 22:30 horas, do dúo musical, formado por Aida Tarrío (Tanxugueiras) e Raül Refree.

O xoves 30, pola súa banda, a proposta será radicalmente diferente. Correrá a cargo do espectáculo de humor Sobria e Serena, os personaxes creados polas cómicas galegas Arantxa Treus e Xasmín Abuín.

A catalá Queralt Lahoz, unha artista que mestura a tradición flamenca e a música hip-hop con poesía e unha mensaxe reivindicativa, actuará o venres 31 de xullo.

Farao para presentar 9:30 PM, o seu traballo musical máis recente, onde se atreve mesmo a combinar as súas raíces con xéneros urbanos como o R&B, dancehall e ritmos latinos.

Xa o sábado 1 de agosto será a quenda do grupo galego de folk Tres Pesos.

A gala de circo das Cirqueiras, por último, será a proposta coa que Con voz de muller chegue ao seu fin. Será o 2 de agosto ás 22:horas.

Nesta ocasión, ademais, haberá pasacalles durante todos os días do ciclo.

Estarán protagonizados por Troula (29 de xullo), Cafuné (30 de xullo), Pandereteiras de Ronsel (31 de xullo), o coro Happy Singers (1 de agosto) e Áureas (2 de agosto).