O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, inaugurou este xoves na sede da UNED o seminario internacional "Volver ser humanos", un encontro que reúne a destacadas figuras do pensamento e a creación contemporánea, e que pon o punto final á 32ª edición da Bienal de Arte de Pontevedra.
No acto inaugural, Domínguez estivo acompañado por Sergio Martínez Luna, vicedecano de Estudantes da UNED, e polos comisarios da Bienal, Antón Castro e Agar Ledo.
Durante a súa intervención, o vicepresidente definiu o seminario como "un punto de encontro para reflexionar ao redor das guerras actuais que condicionan a vida cotiá de millóns de persoas", destacando tamén o valor da arte, a memoria e o pensamento como ferramentas de resistencia e esperanza.
A tarde do xoves comezou con reflexión e pensamento crítico coas intervencións de Ángela Molina Climent, crítica de arte e filóloga, e Rob Riemen, ensaísta neerlandés e fundador do Nexus Institute, que ofreceron unha mirada profunda e comprometida cos tempos que corren.
As sesións continuarán o venres 26 de setembro coa participación de Alberto Barreiro, artista e estratega; Demetrio Paparoni, crítico de arte e comisario italiano; Emily Jacir, artista, escritora e cineasta palestina; e Miki Kratsman, fotógrafo israelí e fundador de Breaking the Silence, daranse cita na UNED para seguir abrindo debates e miradas.
A clausura, o sábado, porá o broche final coa participación de dúas mulleres imprescindibles no panorama actual: Françoise Vergès, politóloga e comisaria cunha marcada traxectoria antirracista e feminista, e Francesca Ferrando, filósofa especialista en estudos poshumanos e profesora na Universidade de Nova York.
"Volver ser humanos" preséntase así como moito máis que un seminario: é unha invitación a pensar xuntos, a escoitarnos, e a atopar na arte e o pensamento ferramentas para comprender —e transformar— o mundo que habitamos.
Unha despedida á altura dunha Bienal que soubo, unha vez máis, conectar co máis profundo do presente.