O Concello de Pontevedra viuse obrigado a cancelar o concerto de Pimpinela, previsto para o vindeiro domingo 20 de agosto e que pechaba a programación musical das Festas da Peregrina.
A causa é un accidente sufrido este mércores polo cantante da formación, Joaquín Galán, que tivo mesmo que ser atendido hospitalariamente.
"Era un concerto que tiña unha expectativa moi alta", asegurou o concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, ao dar a coñecer a circunstancia.
Gómez encomiou o "traballo excepcional" dos técnicos municipais por "atopar en menos de 12 horas un substituto do máximo nivel".
Ese substituto será Rayden, cantante, compositor e escritor madrileño que está inmerso na súa xira de despedida, tras anunciar o seu adeus á música.
"Vai facer un esforzo moi grande por estar en Pontevedra", afirmou o edil.
O concerto de Rayden será desta forma o encargado de poñer o broche final ás Festas da Peregrina subindo o domingo 20 de agosto ao escenario da Praza de España (22.30 horas).