Creada hai dous cursos como unha sala que puidese acoller diferentes iniciativas impulsadas polo alumnado, a programación de O Abrigo estrea este xoves 27 a exposición 'Retratos de mulleres artistas'.
Trátase dunha serie significativa sostida no tempo.
Coa catedrática Yolanda Herranz como comisaria, esta exposición permitirá coñecer unha escolma dos retratos que Concha Mayordomo realizou de mulleres artistas de diferentes épocas.
Presidenta da asociación Blanco, Negro y Magenta, Mayordomo é a responsable do espazo web Mujeres en el arte, que compila preto de 1.100 biografías de artistas. Parte delas son tamén as protagonistas dos retratos que poderán contemplarse nesta mostra, concibida á súa vez como unha homenaxe ás artistas que son tamén docentes e o seu papel de "transmisoras do coñecemento".
A exposición, que poderá visitarse ata o 21 de marzo, permitirá nese senso achegarse á traxectoria das protagonistas dos diferentes retratos, a través dos códigos QR que acompañarán a cada obra e que permitirán acceder aos textos biográficos recollidos neste espazo web.
Esta exposición verase precedida pola conferencia Mayordomo impartirá o mércores 26, ás 12.00 horas, no espazo 16 desta facultade. Neste relatorio aberto á cidadanía, esta artista e comisaria buscará dar resposta á pregunta de "por que non hai grandes artistas na historia da arte".
OS FALLOS NA COMUNICACIÓN
'Simposion´t' é o título da instalación que este luns 24 pode contemplarse na sala O Abrigo de Belas Artes e que presenta algúns dos resultados dun proxecto desenvolvido pola estudante da facultade Ana Allegue e o titulado Javier Rouco valéndose dun implante coclear como un sistema de rexistro de son.