Nunca serei quen de esquecer os marabillosos momentos que pasei durante a miña estadía na cidade de Oaxaca de Juárez, capital do estado mexicano de Oaxaca, ao sur do país, na costa do Pacífico, durante o tempo da celebración do Día de Muertos, porque nunca fora testemuña dunha festa na que participase unha poboación tan entregada nunhas rúas pletóricas de vida e de decoracións dedicadas á festividade, especialmente na praza do Zócalo e na súa contorna, así como nos fermosísimos barrios de Jalatlaco e Xochimilco, de rúas empedradas con coloridas casas tradicionais e murais abraiantes.
O Día de Muertos ten raíces prehispánicas que veñen dos tempos dos zapotecos e os mixtecos, os dous pobos máis importantes da rexión, que non entendían a morte como o remate da vida, senón como unha transición a outro plano espiritual, onde a persoa falecida continuaba a existir e podía manter certa relación co mundo dos vivos, polo que eran moi relevantes os rituais destinados a acompañar e orientar a súa viaxe e tamén as ofrendas para lles render homenaxe.
Coa chegada dos españois e o seu proceso de cristianización, as crenzas populares mesturáronse co calendario católico e acabaron incorporándose ás conmemoracións dos días de todos os santos e de defuntos a comezos de novembro, aínda que na actualidade as celebracións adoitan comezar xa a finais de outubro, que foi cando eu cheguei á cidade para poder ser testemuña do ambiente nos días previos á gran festa.
Oaxaca era todo un rebumbio. Estábanse a montar altares por todas partes, no interior de cada casa e de cada establecemento público, tendas, cafeterías, cantinas, e tamén en lugares emblemáticos como igrexas, museos e edificios oficiais, o máis grande de todos no Palacio Municipal, un enorme edificio de estilo colonial que ten unha fachada de balcóns de ferro forxado abertos á praza do Zócalo, un punto permanentemente ateigado de xente que semella marcar o ritmo da vida da cidadanía.
Cada un deses altares tiña unha personalidade propia, mais todos posuían a característica común de estaren construídos en varios niveis, os chanzos para pasar dunha vida a outra, seica, e decorados con elementos semellantes, entre os que destacaban milleiros de flores de cempasúchil, unha variedade local de caléndula moi aromática e dunha cor laranxa intensa, dúas características que, de acordo coa tradición, serven para guiar as almas das persoas falecidas no camiño do encontro coas súas familias.
O resto dos elementos presentes en todos os altares eran un ou varios recipientes con copal, unha resina aromática que se usa como incenso, varios panes de muerto, uns deliciosos bolos doces decorados con tiras de masa que simbolizan ósos e cranios, varias cuncas con mole negro, a salsa mesta e escura de sabor intenso tan típica de Oaxaca, outras moitas con chocolate líquido feito con auga ou leite, quizais a máis típica bebida da rexión, algún que outro vaso de mezcal, o augardente que se obtén pola destilación dunha variedade de agave, e toda unha extensa serie de retratos e obxectos persoais dos defuntos aos que se honra, porque, de acordo cun vello dito oaxaqueño, unha vez que unha persoa morre, a súa alma seguirá viva entre os seus en tanto que a súa fotografía estea presente nos altares familiares do Día de Muertos.
Pero o máis sobranceiro daquelas decoracións que tanto me fascinaron e que enchían de cor todas as rúas da cidade, engalanadas con follas de papel de seda moi fino, recortadas con formas de flores, caveiras ou paxaros que se movían co vento, era a presenza de ducias de catrinas, as figuras máis icónicas dunha celebración tan singular, que recreaban esqueletos de mulleres ricamente maquilladas, vestidas con roupas elegantes e refinadas, e aviadas con xoias e grandes chapeus adornados con flores.
Segundo puiden saber, estes personaxes naceron arredor de 1910 da man do ilustrador José Guadalupe Posada durante a época previa á Revolución Mexicana, a modo de sátira das persoas que esquecían as súas raíces e imitaban as modas europeas, coa intención de transmitir a idea de que todos somos iguais fronte a unha morte á que non lle importan nin a riqueza nin a condición social.
Decididamente, o Día de Muertos pareceume unha celebración cuns códigos únicos e propios que abranguen todos os aspectos da vida, dende a estética até a gastronomía, tal como ben puiden comprobar nas miñas varias visitas aos animados mercados de Benito Juárez e 20 de Noviembre, onde puiden gozar de pratos tan especiais como as tlayudas, unhas deliciosas tortillas de millo tostadas e cubertas con feixóns, queixo, carne e algúns ingredientes máis que ás veces viñan acompañadas de chapulines, saltóns do tamaño de grilos tostados e aderezados con sal, limón, allo e chile, moi ricos en proteínas, que forman parte da dieta tradicional oaxaqueña dende tempos prehispánicos e que, se ben ao comezo me pareceron un tanto repulsivos, debo recoñecer que acabei pensando que estaban moi ricos.
A fermosísima cidade de Oaxaca de Juárez, coñecida co alcume de La verde de Antequera pola cor e o nome da pedra coa que foi construída, unha rocha volcánica verde escura extraída nos arredores e utilizada en moitas das súas construcións históricas, destaca por monumentos tan senlleiros como a catedral da Asunción, a igrexa de San Agustín ou o templo de Santo Domingo de Guzmán, que alberga o impresionante Museo das Culturas de Oaxaca, un espazo ideal para percorrer os tempos prehispánicos, a historia colonial e a época contemporánea, e para coñecer a rica bagaxe cultural oaxaqueña, que, ademais, custodia os magníficos tesouros procedentes das escavacións de Monte Albán, a antiga capital zapoteca entre os anos 500 antes da nosa era e 800 da nosa era, con impresionantes pirámides, grandes terrazas, tumbas, plataformas cerimoniais e un impoñente campo de xogo de pelota, que tamén ofrece vistas espectaculares sobre o extenso val de Oaxaca.
O casco histórico conserva unha arquitectura moi coidada, con casas coloniais de apenas un ou dous andares e fachadas pintadas en cores vivas como amarelo, azul ou rosa, que se distribúen ao longo de rúas de pedra entre prazas de distintos tamaños, algunhas delas con nomes tan fermosos como Jardín del pañuelito, un lugar que durante as festividades do Día de Muertos serviu de escenario para varias sesións de música e bailes tradicionais.
Oaxaca de Juárez foi unha festa ao longo de todos os días que pasei alí, e logo do solpor, puiden asistir a longos desfiles de comparsas e calendas, marchas festivas con ducias de grupos vestidos con traxes e maquillaxes propios da festa, música, baile e unha grande participación popular que enchían as rúas de vida e de cor. As comparsas representaban tradicións locais, lendas ou escenas festivas con coreografías coordinadas, mentres que as calendas, máis espontáneas, percorrían prazas e rúas estreitas, iluminadas con farois para convidar a veciñanza a se unir á festa.
Ademais, durante as celebracións tamén puiden deixarme abraiar por numerosos toritos, unhas estruturas que se integraban nos desfiles de calendas, conducidas por persoas que bailaban entre a xente mentres soltaban faíscas e fogos artificiais ao ritmo da música e do movemento do desfile, creando algúns dos momentos máis vistosos e animados dun espectáculo verdadeiramente inesquecíbel.
E non podo continuar sen mencionar outro dos grandes símbolos da festa, os alebrijes, fermosas pezas cheas de cor con forma de criaturas fantásticas que simbolizan a unión entre o mundo real e o imaxinario e estaban por todas partes, o que me resultou tan fascinante que decidín achegarme á vila de San Martín Tilcajete, onde moitas familias viven da súa fabricación artesanal. Alí puiden visitar varios obradoiros e presenciar o seu proceso de elaboración desde que eran simples troncos de madeira de copal, unha árbore resinosa e doada de tallar, até que se transformaban en animais imaxinarios que mesturaban partes dos corpos de distintos seres, como aves con cabezas de felinos, lagartos con ás, xaguares con plumas ou peixes con patas, pintados á man con debuxos xeométricos cheos de detalles e tons vivos que os facían únicos e moi vistosos.
Mais o momento que máis fascinado me deixou no tempo que pasei en Oaxaca, chegou a noite do trinta e un de outubro, cando me despracei á vila de Santa María Atzompa, non moi lonxe da capital, para visitar o seu cemiterio, o panteón, como lle chaman os locais, e así poder ver o ambiente que reinaba no lugar.
Cando ía caendo a noite, unha chea de familias comezaron a entrar no recinto cargadas con flores, velas, bolsas con comida e bebida e algúns obxectos persoais destinados a adornar as tumbas dos seres queridos. O primeiro que facían era limpar con coidado as lápidas e preparar pequenas ofrendas, para deseguido formar arredor delas espazos nos que se acomodarían para pasar a noite mentres o cemiterio se alumeaba coa claridade producida pola luz de milleiros de candeas acesas entre flores de cempasúchil.
As persoas sentaban arredor das tumbas, conversaban en voz baixa, lembraban episodios da vida do defunto, e ás veces tamén lle servían algunha bebida que sabían que lle gustara. Incluso vin algún caso no que a familia se acompañaba dun grupo de mariachis que entoaban cancións referentes á morte e a vida nun encontro que, dende logo, non tiña nada de triste porque se trataba dun momento de convivencia no que a memoria dos mortos parecía formar parte natural da vida dos vivos.
Entrementres, as rúas próximas ao recinto funerario estaban ateigadas de postos de comida coma se dunha noite de verbena se tratase, e moita xente que entraba ou saía do panteón paraba para probar algunha das especialidades da gastronomía local, como tacos, tlayudas ou tamales, comidas que en moitos casos tamén se ofrecían aos defuntos sobre as súas tumbas, mentres outros preferían beber unhas cuncas do aromático chocolate de Oaxaca, ou acompañar a conversa cuns groliños de mezcal.
Ese contraste entre o silencio respectuoso do interior do cemiterio e o rebumbio das rúas próximas resultoume moi revelador da esencia desta festa, na que a lembranza dos mortos convive de xeito natural coa celebración da vida.
Ao abandonar o panteón, xa ben entrada a madrugada, coa luz das velas aínda a tremer sobre as tumbas, comprendín que o Día de Muertos non é só unha tradición festiva, senón tamén unha forma profundamente humana de manter vivos os vencellos coa memoria das persoas que xa marcharon.
©Xesús Constela, 2026