Revenidas presenta o cartel por días e pon á venda as entradas para cada xornada do festival

O Salnés
29 de xuño 2023

Ante o elevado ritmo de venda de entradas o festival habilita unha segunda zona de acampada. A Duendeneta súmase ao cartel do Revenidas, onde estarará presente o xoves, o venres e o sábado

Concerto de Dakidarria no SonRías Baixas Oscar Corral

O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán do xoves 7 ao domingo 10 de setembro, ven de desvelar o cartel dos catro días ao tempo que saca á venda as entradas soltas para cada unha das xornadas do festival.

O Revenidas comezará o xoves 7 de setembro coa presenza dun dos grandes nomes de referencia da nova escena latinoamericana como é Ana Tijoux, con Desakato (que ofrecerán en Vilaxoán o seu derradeiro concerto antes de despedirse como banda o 11 de novembro), a combativa activista feminista arxentina Sara Hebe, a gañadora do concurso Sonidos Mans HYDN, o festivo colectivo madrileño de cumbia-punk, rap e electrónica Tremenda Jauría, The Skarnivals, Arrythmia e A Duendeneta, aos que hai que sumar un nome que se desvelará nas vindeiras semanas

A segunda xornada do festival, o venres 8, reunirá aos valencianos Zoo, a gran revelación da música galega deste 2023, Fillas de Cassandra, aos tamén valencianos e igual de comprometidos Los Chikos del Maíz, o principal expoñente da música electrónica en euskera, Zetak; o novo grupo de Evaristo Calvo, Tropa do Carallo; Sheila Patricia, La Regadera, Rebeliom do Inframundo e A Duendeneta.

O sábado 9 de setembro o Revenidas recibe a Ska-P, que ofrecerán en Vilaxoán o seu único concerto en Galicia deste ano. Ese mesmo día terá lugar o concerto especial do XX Aniversario de Dakidarría, con feixe de artistas convidados e que será gravado para se converter no primeiro disco en directo da banda do Val Miñor. 

Completan o cartel do sábado o músico asturiano Rodrigo Cuevas, Heredeiros da Crus, Lamatumbá, Nativa, Kiza, O Rabelo, Familia Caamagno, Mondra, The Rapants, Kris K Dj, Me Fritos and the Gimme Cheetos, A Duendeneta e unha banda que se anunciará en breve.

A xornada do domingo 10, na que se celebrará a tradicional sardiñada popular e a Gala de Circo Solidaria contará no musical coas actuacións de Uxía Lambona e a Banda Molona, La Yaya Dj e Xosé Lois Romero e Aliboria, que serán os encargados de pechar o Revenidas 2023. 

En datas próximas daranse a coñecer as dúas bandas que faltan por anunciar do cartel así como os grupos e artistas que participarán nas actividades paralelas como a Gala de Circo ou os concertos a bordo. Tamén se anunciarán en breve así as datas, horarios e contidos de outras experiencias Revenidas como os roteiros guiados, showcokings e das catas. 

ENTRADAS POR DÍA

A partir deste xoves xa están a venda a través da web www.revenidas.com as entradas soltas para cada xornada. O prezo da entrada do xoves é de 30 euros, para o venres de 35 euros e para o sábado tamén de 35 euros, un prezo ao que haberá que sumar os gastos de xestión. As entradas por días teñenu cupo limitado polo que é aconsellable mercalas coa maior anterioridade posible. 

Todas as actuacións da xornada do domingo son de balde e con entrada libre.

O prezo do abono actualizarase a partir de mañá venres e pasará dos 57 euros actuáis a 62 euros.

Tamén a partir deste xoves, as persoas que dispoñan de Carné Xove da Consellería de Política Social e Xuventude poderán beneficiarse dun 15% de desconto á hora de comprar o abono utilizando o código CARNEXOVEFESTIVAIS (oferta válida para os primeiros 200 abonos).

As persoas que accedan a este desconto deberán presentar o seu carné no acceso ao festival.

NOVA ZONA DE ACAMPADA

O elevado ritmo de venda de abonos do festival levou aos organizadores do Revenidas a habilitar unha segunda zona de acampada para poder dar acollida con comodidade a todos os asistentes que o desexen.

A zona de acampada é gratuíta para todos os posuídores dun abono do festival.