Seres indóMITOs: Nanette Sánchez Ordaz

Pontevedra
23 de novembro 2025

Mito Meijón entrevista a Nanette Sánchez, profesora e actual directora da Coral Polifónica de Pontevedra, gran amante da música e da cidade

Nanette Sánchez Ordaz Guillermo M. Meijón-Corujo

Hai persoas que fan da música un oficio, e outras que a fan respirar. Nanette Sánchez Ordaz leva anos pondo alma, oído e moita disciplina ao servizo dunha das institucións culturais máis queridas da nosa cidade: a Sociedade Polifónica de Pontevedra. Filla da formación clásica e da paixón coral, Nanette non só dirixe: guía, acompaña e inspira a quen ten diante, sexa un coro, unha partitura ou unha cidade enteira.

Nanette foi a miña profesora cando eu tiña oito anos e empezaba o conservatorio, e hoxe, tantos anos despois, sigo recoñecendo nela esa mesma paixón tranquila, esa mestría sen ruído, esa capacidade de escoitar e facer crecer. Profesora, directora, referente: Nanette entende a música como un acto colectivo, profundo e humano. Falamos con ela de aprendizaxe, de harmonía e desa arte de facer que todo soe un pouco mellor.

 

- Dime unha pregunta da que non gustes.

É pregunta?, pódese falar de todo!

- Como é a túa relación con Pontevedra?

De adopción, posto que non nacín aquí pero é excelente. Encántame pasear polas súas rúas.

- Como te definirías?

Tranquila, valente, curiosa… sempre estou a aprender

- Con que xeración identifícaste máis: baby-boom, X ou millenial?

Coa miña sen dubidalo, a X.

- Que características ten a túa xeración?

Non son moito de etiquetas, asi que pertenzo a unha xeración emprendeora que tivo que adaptarse a grandes retos, sobre todo o tecnolóxico.

- Que é a amizade?

É enriquecer a túa vida coa vida que queres.

- Que foi o primeiro que pasou pola túa cabeza cando chegaste a Pontevedra por primeira vez?

Que tranquila é…e canto me gusta!

- A interacción na aula cos alumnos, variou ao longo destes anos?

Si, pero creo que o respecto mutuo, a grandes liñas, se segue a manter. É unha comunicación baseada no respecto e a sensibilidade.

- Como cres que inflúe a educación musical nos nenos e nenas?

Inflúe moito. Ármalles sensiblemente para ser mellores persoas en todos os aspectos da vida.

- Levas á fronte da Polifónica varios anos, onde hai unha media de idade bastante elevada, e unha presenza maioritaria de mulleres, por que cres que aos máis novos e homes cústalles chegar a este tipo de espazos?

As mulleres somos maioría porque somos moito máis inquietas e necesitamos compartir. Doutra banda, os mozos están en idade de atender as súas profesións e soños… e iso resta moito tempo.

- Que retos afronta a Polifónica nos próximos anos?

Seguir traballando para que nun futuro alguén teña que preocuparse por preparar o 200 aniversario (risas).

- Si puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro?

A ambos, podería aprender moitísimo…

- Dime unha canción que te emocione.

Calquera ben feita e ben interpretada

- Frío ou calor?

Calor

- Que hai despois da vida?

Máis vida

E por último, que vas facer en canto acabe a entrevista?

Ir dar un paseo que vai un día precioso de sol

 

Para Nanette, Pontevedra sabe a calma, cheira a pedra, sabe a auga e ofrece cor esperanza. Definitivamente Nanette Sánchez, sente Pontevedra.

 

O CUESTIONARIO

- Nunca saio de casa sen… auga

Na miña neveira sempre hai… comida sa

No meu armario destaca… a roupa negra do coro

A idade é…. un estado de ánimo

Creo en… o amor

O ano que marcou a miña vida foi… o 1995 cando me vin a vivir a esta fermosa terra, Galicia

O mellor agasallo que me poden facer é… unha boa compaña

O meu lugar no mundo é… preto do mar

Se non puidese vivir en Pontevedra viviría… moi pretiño

O meu momento favorito do día é… a mañá

Pontevedra… grazas!