A deste domingo foi, sen dúbida, unha noite máxica. Desas que forxan a lenda dunha sala como El Náutico de San Vicente do Mar. Desas que, por moito que pasen os días, quedan no recordo de todas as persoas que a viviron en directo.
E é que tras un verán no que actuaron artistas da talla de Natalia Lafourcade, Andrés Suárez, Leiva, Rozalén, Morgan, Valeria Castro, Love of Lesbian, Depedro, Iván Ferreiro, Noni (Lori Meyers), Sexy Zebras, Delaporte, Ariel Rot ou Kiko Veneno, aínda quedaba a traca final.
No seu escenario viviuse unha auténtica "celebración ibérica", como eles mesmos describiron, Silvia Pérez Cruz e Salvador Sobral fundiron a súa música, a súa arte, amizade e a súa admiración mutua nun concerto único que o público seguiu en absoluto silencio.
"Qué mejor sitio que Galicia para unir nuestras voces", expresou o artista portugués, que explicou que este espectáculo conxunto "queríamos hacerlo desde hace mucho".
Para ningún era o seu primeiro concerto en El Náutico. De feito, para Silvia Pérez Cruz foi o oitavo. "Pero siempre acompañando a otros", lembrou a catalá. "Estamos muy contentos de estar aquí", engadiu. A do Grove foi a súa última actuación xuntos na península ibérica.
As súas foron dúas voces e unha mesma emoción. Xa quedou claro cos primeiros acordes de El corazón por delante, o tema co que abriron este concerto, a primeira vez "co público de pé", como lembrou Sobral, que bromeou con que "é o concerto ideal para iso".
Sobre un escenario ao que ambos os artistas quixeron trasladar parte da escenografía da súa xira, co chan cuberto dunha moqueta vermella e con lámpadas de pé, o que reforzaba o ambiente intimista que crearon, en forma de semicírculo, co tres instrumentistas que ían con eles.
Porque non, non só eles formaban esta 'ponte ibérica'. Darío Barroso á guitarra, Marta Roma ao chelo e Sebastià Gris, ao baixo e como segunda guitarra; completaban unha formación coa que, segundo Salvador Sobral, "nunca habíamos tocado tan bien como hoy".
Durante preto de dúas horas, nas que o portugués fixo gala do seu gran sentido do humor e da súa conexión con Galicia, na que "nunca sé qué idioma hablar", ambos os artistas interpretaron todas as cancións de Silvia & Salvador, o disco que editaron xuntos.
Así, foron soando temas como Hoje já não é tarde, un fado "con sello ibérico" que escribiu Luisa Sobral, a irmá de Salvador; Mudando os ventos, un "puto temazo que escribí yo", dixo entre risas o portugués; L'amour reprend ses droits, Este presente ou Muerte chiquita, entre outros.
Houbo tempo ademais para que Silvia Pérez Cruz interpretase en solitario un dos seus grandes éxitos, Mañana, ou Pequeño vals vienés, unha canción con letra de Lorca e música de Leonard Cohen e que, segundo dixo, "habéis tenido suerte porque ha sido la mejor versión de esta gira".
"Cantar en colectivo es algo sanador para todo el mundo", afirmou Pérez Cruz, que tamén quixo pedir ao público, en relación a unha sala de concertos como El Náutico, que "cuidar estos espacios en los que poder tocar en directo debería ser una religión".
Fíxoo, xunto con Sobral, tras manifestar "lo en contra que estamos" do xenocidio en Palestina e defender que o escenario "es un espacio de libertad". Foron os últimos instantes dun concerto co que El Náutico quixo poñer o broche de ouro a un dos seus mellores veráns.