A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra é a galardoada coa edición de 2025 dos Premios Otero Pedrayo.
A súa candidatura, proposta pola Deputación de Pontevedra, resultou elixida este xoves durante a reunión do xurado, que tivo lugar no Pazo provincial, sede da administración pontevedresa, entre outras catro propostas presentadas.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou que "hai moitos motivos polos cales se lles podería facer este recoñecemento", e lembrou que a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra "é unha referencia musical; este ano cumpre cen anos, Castelao foi o seu segundo presidente e está a realizar un traballo impecable na promoción e difusión da música e do galego".
López destacou tamén a súa traxectoria centenaria como "institución punteira e pioneira en Galicia da que non podemos estar máis que orgullosos".
A entrega do Premio Otero Pedrayo 2025 terá lugar o vindeiro 11 de decembro, nunha cerimonia que se celebrará tamén no Pazo provincial pontevedrés.
A Deputación de Pontevedra exercerá este ano como anfitrioa do certame, unha iniciativa conxunta das catro deputacións galegas e da Xunta de Galicia, creada en 1977 co obxectivo de honrar a memoria de figuras destacadas das letras e do coñecemento ou de recoñecer labores que contribúan de xeito eminente á cultura galega e á promoción dos valores propios de Galicia.
O xurado desta edición número 48 destes premios Otero Pedrayo estivo presidido polo director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, como vicepresidente respectivamente. Como vogal actuou o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, xunto con representantes das outras tres deputacións galegas, da Consellería de Cultura, das tres universidades galegas, da Real Academia Galega, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da Fundación Otero Pedrayo, así como cinco persoeiros relevantes no eido da cultura elixidos polas catro deputacións e a Xunta de Galicia.
O pasado ano recibiu o Premio Otero Pedrayo a Coral de Ruada e, ao longo da súa historia, este galardón recaeu en persoas tan senlleiras da cultura galega como Carlos Casares, Xosé Filgueira Valverde, Antonio Fraguas, Francisco Fernández del Riego, Acisclo Manzano, Ángel Carracedo, Margarita Ledo, Antía Cal, Menchu Lamas ou Rorario Álvarez, e en entidades como o Museo de Pontevedra, a Sección de Arqueoloxía do Instituto Padre Sarmiento, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Pedro Barrié de la Maza e, entre outras, as Fundacións Otero Pedrayo, Vicente Risco, Antón Losada Diéguez e Castelao.