Tras unha primeira etapa como festival en A Estrada, O Son dos Arrieiros pasa a ser un ciclo de concertos que percorrerá durante todo o ano diferentes salas galegas.
Así, esta proposta, que se desenvolverá entre os meses de maio e novembro, busca conectar artistas, espazos e públicos a través da música en directo.
Inspirado na idea do camiño compartido dos arrieiros, o ciclo propón un percorrido tanto simbólico como real por seis concellos, entre eles os de Vilanova de Arousa e Cambados.
O seu obxectivo será acompañar o talento emerxente no seu tránsito natural desde as salas cara a escenarios de maior capacidade, entendendo este proceso como clave para o desenvolvemento e a sustentabilidade do sector musical.
Os concertos do Salnés serán os que ofrecerán Cora Yako e Familia Caamagno o 17 de outubro en A Cofradía (Vilanova de Arousa) e o de Copos de Avena, que actuará o 29 de novembro na sala Krazzy Kray de Cambados.
O ciclo abrirá o 16 de maio en La Conservera (Viveiro) con Tona e Grande Amore e, tras o verán, continuará o 2 de outubro na Sala Riquela (Santiago) con Dani Cornes e Santi Araújo.
As outras dúas citas serán xa en novembro. O día 14 actuarán Pava e Estrogenuinas no Guión Clube (Pontedeume) e o día 21, en A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro), será a quenda de Agoraphobia e Bala.
Este cartel, segundo os seus organizadores, combina proxectos emerxentes e consolidados, cunha forte presenza de novas voces e unha clara aposta pola diversidade estilística, reflectindo a riqueza da escena galega contemporánea.