Aínda que a súa chegada ás salas de cine fora anunciada para 2026, a película que Óscar Casas rodou nas Rías Baixas, concretamente en Cambados e O Grove, chegará moito antes.
A confianza de Sony Pictures, a compañía que distribuirá Me has robado el corazón en toda España, fixo que a estrea se adiante ao 5 de decembro, en vésperas do nadal, época na que tradicionalmente se exhiben algunhas das grandes apostas do ano.
Para acompañar o anuncio da estrea desta película, producida por Ficción Producciones, a distribuidora lanzou ademais o seu primeiro tráiler.
Nel, esbózase a trama principal desta comedia romántica con toques de road movie, protagonizada por Óscar Casas e pola actriz Ana Jara (4 estrelals).
A película, unha idea orixinal do pontevedrés Alberto Arruty, inspírase no titular co que un medio de comunicación de Estados Unidos informaba sobre un suceso real.
Conta a historia de Eric (Casas), un enxeñeiro, que tras coñecer a Beira (Xara) nunha app de citas engánaa para que sexa a súa condutora na súa fuxida cara a Galicia, despois de roubar un banco en Madrid, mentres a policía os persegue.
Completan o elenco Luís Zahera, Antonio Pagudo, Miguel de Lira, Ana Milán, Arturo Valls, Alba Gutierrez, Mario Marzo, Pol Granch, Juan Amoedo, Xurxo Carreño e Francis Lorenzo, entre outros.
O filme está dirixido por Chus Gutiérrez, unha realizadora cunha longa carreira na industria cinematográfica española. Na última década dirixiu, entre outras producións, comedias como Ciudad delirio ou De Caperucita a loba.
Me has robado el corazón, na que colaboran RTVE, a TVG ou a Xunta de Galicia, a través de Axencia Galega dás Industrias Culturais, estará dispoñible na plataforma Prime Vídeo despois da súa estrea en salas.