Soziedad Alkoholika esquece a polémica e abarrota a Praza de España no primeiro concerto da Peregrina

Pontevedra
10 de agosto 2014

O grupo vasco inaugurou os concertos da Praza de España cun espectáculo no que repasou os seus máis de 20 anos de traxectoria. A banda local Vortex exerceu de 'telonera'

Concerto de Sociedad Alkoholica na Praza de España
Concerto de Sociedad Alkoholica na Praza de España / Diego Torrado

O grupo vitoriano Soziedad Alkoholica inaugurou os concertos das Festas da Peregrina nunha aborratada Praza de España.

Os vascos repasaron os seus máis de 20 anos de traxectoria deixando a un lado a polémica dos últimos días, despois das queixas de colectivos como a Unión Federal de Policía e a Unión de Gardas Civís, ademais dun grupo de cidadáns que presentou un escrito ao Concello solicitando a suspensión do evento.

Estas asociacións argumentaban na súa protesta a letra das súas cancións "destila odio contra as forzas e corpos de seguridade e outros colectivos, como as victimas do terrorismo,".

A pesar desta circunstancia o concerto desenvolveuse con total normalidade para desfrute dos numerosos seguidores do grupo que estrearon os concertos da Praza de España.

Antes da actuación de Soziedad Alkoholika a banda local Vortex saltou ao escenario como 'telonera' para defender o que é o seu primeiro disco, titulado Confessions.

Os concertos da Peregrina continúan este domingo con Duncan Dhu, mentres o luns será a quenda de Love of Lesbian.