Los Suaves, unha das grandes referencias do rock estatal, recibirán o premio honorífico na décimo terceira edición dos Premios Martín Códax da Música, que se entregarán o próximo 27 de maio en Pontevedra.
A organización destes premios, a asociación Músicas ao Vivo, destacou que a banda liderada por Yosi Domínguez é un símbolo musical "profundamente ligado a Galicia".
Con este galardón, os Premios Martín Códax da Música queren recoñecer a súa dimensión artística e o seu impacto cultural, social e emocional na historia da música galega.
Formada en Ourense a finais dos anos 70, Los Suaves construíu ao longo de máis de tres décadas unha traxectoria única marcada pola honestidade, a poesía urbana e unha identidade propia que conquistou a xeracións enteiras.
"Los Suaves levaron sempre a Galicia por bandeira", subliñan desde Músicas ao Vivo, xa que desde os seus inicios, a banda reivindicou con orgullo as súas raíces, converténdose nun referente cultural e emocional para milleiros de seguidores.
A súa música, as súas letras e o seu compromiso coa terra "contribuíron a proxectar unha imaxe auténtica e poderosa da cultura galega no panorama musical", engadiron.
Discos históricos como 'Malas noticias', 'Santa Compaña', 'Víspera de todos los santos', 'San Francisco Express' ou 'El Jardín de las delicias' xa forman xa parte da memoria colectiva do rock en galego e do rock feito desde Galicia para o mundo.
Nos últimos anos, este galardón honorífico recaeu en grandes figuras da música galega como Luz Casal (2023), Emilio Cao (2024) ou Leilía (2025).
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.