'Superestar', 'Yakarta' e 'Poquita fe', as series que os Feroz traen a Pontevedra en decembro

Pontevedra
10 de decembro 2025

As actrices Ingrid García-Jonsson, Rocío Ibáñez, Julia de Castro e Carla Quilez, xunto cos creadores Nacho Vigalondo, Diego San José e Pepón Montero manterán un coloquio co público

Ingrid García-Jonsson e Rocío Ibáñez en 'Superestar' Netflix

Os equipos de tres das series con máis candidaturas aos Premios Feroz 2026 pasarán por Pontevedra antes de que finalice este ano. Trátase de Superestar, Yakarta e Poquita fe.

As actrices Ingrid García-Jonsson, Rocío Ibáñez, Julia de Castro e Carla Quilez, xunto cos creadores Nacho Vigalondo, Diego San José e Pepón Montero manterán un coloquio co público tras proxectar varios dos capítulos das súas series.

Estas actividades, as últimas que os Feroz farán antes de final de ano, comezarán o xoves 18 de decembro.

Ese día serán as actrices nomeadas ao Feroz Ingrid García-Jonsson e Rocío Ibañez, xunto co creador Nacho Vigalondo, quen presenten Superestar.

Superestar é unha volta aos estrambóticos inicios dos anos 2000, reimaxinando dunha forma única a vida da icona pop Tamara e a súa metamorfose en Yurena.

Nesta serie, producida por Javier Ambrossi e Javier Calvo, tamén destacan as interpretacións de Natalia de Molina e de Secun de la Rosa como Loly Álvarez e Leonardo Dantés.

Ao día seguinte, o venres 19, será a quenda da serie Yakarta xunto ao seu creador, Diego San José, e a actriz Carla Quilez, que comparte protagonismo nesta ficción con Javier Cámara e David Lorente.

Javier Cámara e Carla Quilez en 'Yakarta'Movistar Plus

Este drama conta a historia de José Ramón, un ex xogador olímpico de bádminton que dá clases nun instituto dun barrio moi humilde.

Joserra cre descubrir nun torneo escolar o diamante en bruto que pode darlle un xiro á súa vida: Mar podería ser o billete que lle leve a cumprir o seu soño de competir en Yakarta, a cidade onde os ex xogadores como el son respectados e tratados como estrelas.

E para (case) finalizar o ano cunhas boas gargalladas, o 26 de decembro proxectaranse algúns dos episodios da segunda tempada de Poquita fe.

Julia de Castro, candidata como mellor actriz de reparto dunha serie, e Pepón Montero, un dos creadores desta exitosa comedia compartirán as claves que manexaron para lograr que o seu humor sexa costumista e absurdo á vez.

As entradas a todas as sesións son gratuítas previa retirada de localidades na oficina de turismo da Praza de España, desde sete días antes de cada actividade e até completar o aforamento. Haberá un máximo de dúas entradas por persoa.

Raúl Cimas e Esperanza Pedreño en 'Poquita fe'Movistar Plus
Arquivado en