O 'Tartufo' de Molière prepárase no campus de Pontevedra

Pontevedra
04 de febreiro 2026
Actualizado: 10:27

Unha agrupación de 14 persoas, entre universitarios e veciños, ensaia a que será a súa segunda montaxe baixo a dirección de Salvador del Río

Ensaios do grupo de teatro do campus de Pontevedra DUVI - Universidade de Vigo

Esta semana comezaron formalmente os ensaios do grupo de teatro universitario do campus de Pontevedra da que será a segunda produción da agrupación, unha adaptación do clásico Tartufo, de Molière.

A formación, composta por 14 persoas de diversas idades, integrando tanto a membros da comunidade académica como a cidadáns sen vencello directo coa institución.

Esta iniciativa busca dotar ao campus de agrupacións permanentes, igual que sucede co coro ou cos grupos de música e baile tradicional.

A posta en marcha desta agrupación é a culminación natural dun proceso formativo iniciado no primeiro cuadrimestre a través dunha aula de teatro.

Tras unha proba de habilidades realizada en xaneiro para garantir a calidade técnica do elenco, o grupo quedou definido por veteranos do curso anterior e novas incorporacións que xa contaban con experiencia previa nas táboas.

Baixo a batuta do actor e director Salvador del Río (Teatro de Ningures), canda Omar Ferrín e Sonia Rúa, os ensaios non se limitarán á memorización de textos.

O proxecto está deseñado como un obradoiro continuo onde se traballará a expresión corporal, a técnica vogal, a análise profunda dos personaxes e a capacidade de improvisación.

Segundo explica Salvador del Río, a versión de Tartufo foi adaptada especificamente para as características e o número de compoñentes do grupo, garantindo un equilibrio artístico na posta en escena.

Salvador del Río dá indicacións durante o ensaio do grupo de teatro universitarioDUVI - Universidade de Vigo

O obxectivo final desta fase é a estrea na Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu), onde o grupo representará ao campus de Pontevedra nas sedes das tres cidades da UVigo.

A dirección do grupo xa traballa coa idea de levar a obra a espazos non universitarios e establecer convenios de intercambio con outras universidades de fóra de Galicia.