A música en galego, como non podía ser doutra maneira, tamén terá un papel esencial nas próximas Festas dá Peregrina de Pontevedra.
Farao, en parte, coa presenza de dúas das bandas de referencia da nova xeración de bandas galegas: The Rapants e De Ninghures.
Serán, segundo destaca o goberno municipal, "dúas noites para cantar e bailar".
O público pontevedrés poderá gozar con The Rapants o xoves 14 de agosto. Será un dos concertos que haberá no escenario da Praza de España durante esta semana grande.
The Rapants regresarán de novo a Pontevedra dentro da xira do seu último disco, La máquina del buen rollo, co que se consolidaron no panorama musical patrio.
Con temas animados e uns directos cargados de enerxía, esta banda de indie e garage de Muros promete non dar un segundo de respiro ao público.
A eles sumaranse De Ninghures, que darán un concerto na Praza da Ferrería de Pontevedra ao día seguinte, o venres 15 de agosto.
Esta banda de folk, que defende a música feita de raíz e a creación contemporánea que pon en valor a tradición, buscan sons diferentes de todas as partes do mundo e sen prexuízos.
As súas influencias van desde as músicas do Magreb ou o rock saharauí até as melodías cubanas.
Estes dous concertos súmanse aos xa anunciados: Paloma San Basilio e Rosario para as Festas da Peregrina, Ana Tijoux para Con voz de muller, John Pollõn e Califato 3/4 para Urbana Monte Porreiro ou todo o cartel do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra.