O 'universo' musical de Rosario Flores, o 12 de agosto nas Festas da Peregrina

Pontevedra
23 de xuño 2025

A artista, nacida no seo dunha familia de longa tradición flamenca, chegará a Pontevedra no marco da xira 'Universo de ley', o seu último traballo discográfico. Actuará na Praza de España

Rosario Flores
Rosario Flores / Universal Music

Rosario Flores, a pequena dunha das sagas artísticas máis coñecidas de España, a das Flores, actuará este verán nas Festas da Peregrina de Pontevedra.

Será o vindeiro martes 12 de agosto, día no que ofrecerá un concerto na Praza de España, o escenario principal destas festas, segundo informou este luns o goberno municipal.

A artista madrileña, nacida no seo dunha familia de longa tradición flamenca, chegará a Pontevedra no marco da xira Universo de ley, o seu último traballo discográfico, un álbum no que homenaxea todo o seu legado musical a dúo con grandes figuras da música.

Con máis de 33 anos de carreira ás súas costas, unha quincena de discos e innumerables concertos, Rosario Flores colocou a maior parte dos seus éxitos na banda sonora de varias xeracións.

Temas como OMi gato, Como quieres que te quiera, Sabor sabor, ¡Qué bonito', Agua y sal, Ese beso, De ley ou Muchas flores serán só algúns dos que soarán en directo en plenas festas pontevedresas na voz da máis nova das Flores.

Acompañada de toda a súa banda, o espectáculo que ofrecerá Rosario tamén reivindicará a figura da súa nai, Lola Flores; do seu pai, Antonio González "El Pescaílla"; e, sobre todo, do seu irmán, Antonio Flores, do que recupera unha das súas cancións máis coñecidas, No dudaría.

Considerada unha das artistas máis importantes de España e de Latinoamérica, a artista de orixe xitana mostrará como a súa voz, a súa potencia e a súa capacidade de transmitir emocións non deixa indiferente a ninguén, fusionando desde o flamenco até o pop, pasando polo rock e o jazz.

Ao longo da súa carreira, foi galardoada con numerosos premios, entre eles o Grammy Latino no ano 2001 e 2003, o Premio Ondas en 1993, 1994 e 2008 ou o Latin Grammy á excelencia musical en 2022. Ademais, en 2020 recibiu a Medalla de Ouro ao mérito nas Belas Artes de España.

O concerto de Rosario súmase aos xa anunciados previamente, entre eles os de Paloma San Basilio, o da rapeira chilena Ana Tijoux para o ciclo Con voz de muller, Robben Ford para o Festival de Jazz e Blues ou os de Jhon Pollõn e Califato 3/4 para Urbana Monte Porreiro.