Todos os recursos sobre Castelao no Museo, a golpe de click

Pontevedra
08 de febreiro 2025

A sección dedicada ao Ano Castelao no Museo de Pontevedra contén unha axenda de actividades, oferta de visitas guiadas, materiais dixitais e impresos e as publicacións editadas polo Museo

Colección de obras de Castelao no Museo Deputación de Pontevedra

O Ano Castelao, a golpe de click no Museo de Pontevedra.

En 2025 celébrase o 75º aniversario de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Artista, escritor, intelectual e político galeguista, a súa traxectoria está intimamente ligada ao Museo de Pontevedra desde os seus inicios, xa que foi un dos seus patróns fundadores e nel custódiase unha parte fundamental do seu traballo artístico, ademais da súa biblioteca, documentos e obxectos da súa actividade literaria ou como investigador.

De feito o Museo dedícalle dúas salas na terceira planta do edificio que leva o seu nome, nas que se mostran unha selección de máis de 300 obras que dan conta da súa faceta de artista, escritor, intelectual e político, desde os seus primeiros debuxos publicados até as obras que fixo no exilio en Bos Aires.

Boa parte da súa obra máis significativa está exposta no Museo, como as estampas que depositou en 1931, os orixinais do Álbum Nós recuperados en 2016, os álbums de guerra que el mesmo legou ao Museo para a súa entrega tras a recuperación da Autonomía, o manuscrito de Sempre en Galiza, óleos, caricaturas, carteis e mesmo as máscaras de Os vellos non deben de namorarse.

Agora dá un paso máis habilitando na súa páxina web un espazo dedicado á conmemoración ao redor do intelectual galeguista (https://museo.depo.gal/ano-castelao).

Esta nova sección permitirá consultar todos os recursos dispoñibles no Museo sobre Castelao.

Alí poderase atopar a axenda de actividades que se desenvolverán ao longo do ano, oferta de visitas guiadas, materiais dixitais e impresos e as publicacións editadas polo Museo.

Será posible revisar as preto de 2.000 obras que conforman a colección de fondos artísticos de Castelao custodiados no museo pontevedrés.