Un mestre holandés, novo director da Banda de Música de Salcedo

Pontevedra
09 de abril 2015

Está previsto que Marcel van Bree se presente o sábado 25 de abril como novo director da Banda nun concerto que se desenvolverá no Teatro Principal a partir das 20.30 horas

Marcel Van Bree, novo director da banda de música de Salcedo Banda de Música de Salcedo

Marcel Van Bree, un mestre holandés cunha importante traxectoria, presentarase o próximo sábado 25 de abril como novo director da Banda de Música de Salcedo a través dun concerto que se ofrecerá no Teatro Principal a partir das 20.30 horas con entrada libre ata completar o aforamento.

Van Bree naceu en Meijel (Holanda) e realizou os seus estudos de clarinete e dirección no Conservatorio Superior de Brabante e asistiu a clases de, entre outros, Enrique García Asensio, coñecido por intervir no programa televisivo El mundo da música.

En 1991 trasládase a Galicia onde foi director do Conservatorio Profesional de Lalín e da súa Orquestra de Cámara, ademais da Banda Municipal de Lalín. Na súa traxectoria destaca por ser director-fundador da Banda Sinfónica de Galicia e director da Banda da Federación Galega. Gravou unha decena de traballos discográficos e impartido cursos e masterclases de dirección nos conservatorios de Pontevedra, Ourense, Lalín e Lugo, entre outros.

Estreou unha vintena de obras de novos compositores españois e autores como Eva Lopszyc ou Ferrer Ferrán dedicáronlle algún dos seus traballos.

Agora afronta unha nova etapa como director titular da Banda de Música de Salcedo dende que se realizou un relevo á fronte desta agrupación en xaneiro de 2015.