Un Surfing the Lérez "sobre rodas" suma a Furious Monkey House, Eladio y los seres queridos ou The Lákazans

Pontevedra
25 de maio 2018

Cunha estética ao máis puro estilo "Mad Max". Así chega este ano o festival Surfing the Lérez, que se celebrará na Illa das Esculturas de Pontevedra o vindeiro sábado 16 de xuño

Concerto de Furious Monkey House na praza da Ferrería
Concerto de Furious Monkey House na praza da Ferrería / Diego Torrado

Cunha estética ao máis puro estilo "Mad Max". Así chega este ano o festival Surfing the Lérez, que se celebrará na Illa das Esculturas de Pontevedra o vindeiro sábado 16 de xuño.

Xunto co nome dos artistas xa anunciados -Ángel Stanich, Terbutalina e La casa de los ingleses, os organizadores do festival confirmaron a todos os artistas e bandas que subirán ao escenario que estará situado a beiras do río Lérez.

Así, ao Surfing the Lérez regresará unha das bandas pontevedresas de maior proxección, os Furious Monkey House. Tamén estarán Eladio y los seres queridos, The Lákazans, Flip Corale Oh! Ayatoláh, The Trunks, Soul Macklein & Possitive Band ou Escuchando elefantes.

O cartel complétase cos concertos de The Limboos, Agoraphobia, Mad Martin Trio e a música da Duendeneta.

Ademais, haberá múltiples actividades no Escenario Bonobo e obradoiros, o mercado de creadores ou unha ampla oferta de foodtrucks, entre outros.

A gran novidade deste Surfing the Lérez é que, xunto cos concertos do sábado, haberá música durante toda a semana previa.

A Sala Karma acollerá o mércores 13 o concerto de Fogbound e Esteban y Manuel e, ao día seguinte, The Manueles actuará en El Pequeño e Matt and the Peabody Ducks farao en Sala Karma.

Unha xornada infantil polas rúas e prazas da cidade, que terá lugar o venres 15, quentará motores para a gran cita do sábado, onde como é habitual haberá público de todas as idades, convertendo ao Surfing the Lérez nunha auténtica romaría do rock and roll.