Unha exposición na rúa para coñecer a Alejandro de la Sota e a súa arquitectura de "pasarlo bien"

Pontevedra
14 de abril 2018

Con motivo do Día das Artes Galegas 2018 o Paseo Odriozola acolleu este sábado a inauguración da exposición "Alejandro de la Sota 1913-1996", promovida polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA)

Inauguración da exposición "Alejandro de la Sota 1913-1996" PontevedraViva

Con motivo do Día das Artes Galegas 2018 o Paseo Odriozola acolleu este sábado a inauguración da exposición "Alejandro dea Sota 1913-1996", promovida polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA).

A súa localización xunto á Praza da Ferrería non pasou desapercibida para o fillo do recoñecido arquitecto, ao que definiu como "un niño que lo pasó muy bien aquí en Pontevedra. Hoy podríamos imaginarlo disfrutar de esta plaza y saber que le acompañó a lo largo de toda su vida".

Xunto a el atopábanse autoridades como, entre outras, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; e o vicepresidente da institución, Celestino García Braña.

A través da exposición percórrense os traballos dun arquitecto cuxo traballo é "reflejo de ese pasarlo bien y de divertirse con cosas tan ajenas a la propia arquitectura", sinalou o seu fillo.

Trátase dunha mostra na rúa, concibida para que os cidadáns póidana visitar e percorrer de forma pausada, e que permanecerá en Pontevedra durante 15 días antes de percorrer o resto de cidades galegas. Nela poden verse algunhas das súas obras, como as que ideou na  Boa Vila como o Pavillón Municipal dos Deportes ou a Casa Domínguez, na Caeira.

Deseñada por Trespes Arquitectos, está composta por oito prismas de base cadrada -de 1,5 metros e 2 metros de altura-. Cada prisma acolle unha temática, e cada temática presenta dous proxectos. De forma diferenciada destaca o módulo no que se expoñen varias pezas de mobiliario deseñadas polo arquitecto e outro que está dedicado ao seu ideario cun  ideograma con frases e anacos de memoria.

Os fondos documentais da exposición foron cedidos pola Fundación Alejandro da Sota.