Unha oda ás mujeres marroquís inaugura o ciclo de cine euroárabe Amal en Ruta

Pontevedra
06 de setembro 2021

Adam, película dirixida pola cineasta Maryam Touzani, proxectarase este martes, a partir das 21:00 horas, no Teatro Principal. A entrada é libre ata completar aforo. Foi elixida candidata aos Óscar para representar a Marrocos como Mellor Película de Fala non Inglesa en 2020

Fotograma da película "Adam" Fundación Araguaney-Puente de Culturas

Unha pasteleira viúva, nai dunha nena de dez anos, e unha moza embarazada, que atoparán a unha na outra o refuxio e a compañía que a sociedade marroquí lles nega. Son as protagonistas de Adam, a película que abrirá o ciclo de cinema euroárabe Amal en Ruta.

O filme, dirixido pola cineasta Maryam Touzani, proxectarase este martes, a partir das 21:00 horas, no Teatro Principal. A entrada é libre ata completar aforo.

Adam foi elixida candidata aos Óscar para representar a Marrocos como Mellor Película de Fala non Inglesa en 2020 e, entre outros, participou con grandes críticas no Festival de Cannes e na Seminci, a Semana Internacional de Cinema de Valladolid.

Na película, Abla (Lubna Azabal) rexenta unha pastelería instalada na súa casa de Casabranca, onde vive con Warda, a súa filla de 8 anos. A súa rutina, marcada polo traballo e os labores domésticos, vese interrompida cando Samia (Nisrin Erradi), unha moza embarazada, chama á súa porta en busca de emprego e teito. 

Á pequena atráelle a recentemente chegada desde o primeiro momento, pero a nai oponse inicialmente a acoller á estraña na súa casa. Aos poucos, con todo, a determinación de Abla vai cedendo e a chegada de Samia ábrelles ás tres a posibilidade dunha nova vida.

A película, como todas as incluídas no ciclo Amal en Ruta, exhibirase en versión orixinal, subtitulada ao castelán.