Uxía e Javier Ruibal chegan ás Matinés do Principal cun retrato musical de Rosalía e Lorca

Pontevedra
08 de marzo 2023

Un concerto emocionante da man de dous músicos cunha sensibilidade especial, ás 12.30 horas do 25 de marzo, no Teatro Principal de Pontevedra

Javier Ruibal e Uxía

Uxía e Ruibal estarán no Principal de Pontevedra, nun concerto coa poesía musicada de Rosalía e Lorca, ás 12.30 horas do 25 de marzo. 

O concerto encadráse dentro de 'As Matinés do Principal', o ciclo de música matutino do Teatro Principal de Pontevedra.

As Matinés, baixo o lema "música en vivo para todos os públicos", leva xa anos programando a concertos de artistas como Guadi Galego, desprendéndose da idea de que as mañás están reservadas aos espectáculos infantís. As entradas están xa á venda na páxina web de ataquilla.com.

Uxía e Ruibal teñen xa unha ampla experiencia musicando poetas. Este traballo é un paso máis nunha historia de amizade e complicidade que quere seguir o camiño iniciado por Lorca de Granada a Santiago, "selando a irmandade norte-sur e a proximidade de espírito e de ideais; poñer no centro o que nos une e non o que nos separa, tender pontes da túa casa á miña" sobre os versos e a alma de dúas figuras universais.

'De tu casa a la mía' é un retrato musical de dous poetas universais, Rosalía e Lorca, da man e do sentimento de dúas almas que tratan de poñer ás á poesía de ambos autores. Farano con novas melodías que nos fagan coñecer máis a fondo a súa obra e tamén descubrir a profunda admiración que Lorca sentía por Rosalía, nesa unión norte-sur presente na súa poesía.