Este venres estréase nos cines Las altas presiones, a longametraxe do director Ángel Santos. A película proxectarase a partir deste 8 de maio en 12 salas de toda España, número que se estenderá nas próximas semanas.
Ás 20:15 horas farase o pase principal e estrea oficial da película á que acudirán o director e o produtor do filme á sala de cine. A primeira emisión será ás 18:15 horas e as entradas poderanse comprar en despacho como normalmente para ambos os dous pases.
A película non só aproveita as localizacións de Pontevedra, senón que tamén fai uso da súa música local. Grupos pontevedreses como Unicornibot foron os encargados de colaborar coa produción e realización da banda sonora da película. A longametraxe inspírase nas persoas das zonas de filmación onde a rodaxe tivo unha grande acollida. Trátase de lugares como Pontevedra, Vigo e algunhas zonas de Portugal. O apoio de particulares, asociacións ou bares foi tan grande que non poden nomear a todos os que terían que agradecérllelo segundo Daniel Froiz, produtor da película.
Case 90 minutos dunha obra que a Concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, cualifica como unha "obra de arte". Esta película estará a competir nos cines de toda España con longametraxes das grandes produtoras de cine, pero igualmente o seu equipo de rodaxe e produción esperan ter unha grande acollida, xa que segundo Ángel Santos e Daniel Froiz cada vez apóstase máis polo cine de autor, e iso nótase nas producións, as distribuidoras, as salas de proxección e os críticos que dan a oportunidade a este tipo de cine de chegar ás grandes salas.