'Vilagarcía, cidade de libro' celebrarase do 10 ao 15 de xuño

O Salnés
29 de maio 2025
Actualizado: 16:43

O último Premio Planeta, Sánchez-Garnica; Juan Gómez-Jurado, Joana Marcús ou María Oruña estarán na vila

'Vilagarcía, Cidade de Libro' Concello de Vilagarcía

A quinta edición de 'Vilagarcía, Cidade de Libro' celebrarase entre o 10 e o 15 de xuño no parque Miguel Hernández e contará coa presencia de importantes referentes do panorama nacional.

O último Premio Planeta, Paloma Sánchez-Garnica; un dos escritores máis vendidos, Juan Gómez-Jurado; a revolución da literatura xuvenil, Joana Marcús ou a escritora de misterio María Oruña, entre moitos outros, daranse cita na localidade.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, apuntou que "non estamos ante unha feira ao uso, senón ante unha proposta exitosa que une a editoriais, librarías, autores e lectores", dixo este xoves durante a rolda de prensa.

Todos os días entre as 10:00 e as 13:00 horas haberá unha sesión do 'Literatour', unha actividade en colaboración cos centros escolares coa que se busca inculcar o hábito lector.

A zona de presentación, exposición e venda de libros abrirá todas as tardes a partir das 18:00 horas e ata as 21:00. Na fin de semana o horario amplíase ás mañás, de 11:30h a 13:30h. 

Os autores estarán firmando por días en horario de tarde: o martes 10 ás 18:00 horas estarán Paloma Sánchez- Garnica, Juan Gómez-Jurado e Rober Caggiao; o mércores será a quenda dos poetas Andres F. Maneiro, Samuel L. Paris, Clara Pino e Xerardo Quintiá, dende as 19:00 horas; o xoves 12, firmarán Rosa Aneiros, Alonso de la Torre e Máximo Huerta (18:00h); o venres, Joana Marcús (tras a presentación do seu libro, sobre 19:30 horas), Ana Merino e Fina Casalderrey; o sábado, María Oruña, Juan Tallón, Paula Mayor e Manuel Vilas (19:00h); e por último, o domingo 15 (17:30) será a quenda de Rebeca Stones, Antía Yáñez e Inma Rubiales (necesaria reserva de tíckets online).

Trátase dunha boa oportunidade para que os lectores podan pasar un tempo cos seus autores favoritos, xa que tras a firma comezarán as 'Conversas ao solpor'. Estas desenvolveranse ás 20:30 horas no escenario principal, que este ano estará ubicado noutro lugar do parque, máis á sombra.

A programación é moi ampla, contando con obradoiros, maxia, contacontos... Aínda que unha das actividades máis populares é a visita á Illa de Cortegada. Nesta ocasión, será o sábado 14 a partir das 17:30 horas e da man de María Oruña, que presentará a súa nova novela "El albatros negro".

Para participar é necesaria a inscrición previa a partir do 2 de xuño na Oficina de Turismo. É de balde e hai 25 prazas dispoñibles.