O cartel musical de Surfing the Lérez, que se celebrará na Illa das Esculturas os días 22, 23 e 24 de xuño, segue enchéndose. A organización desvelou dous novos concertos para o festival, os do dúo pontevedrés Visi e a banda australiana Eggy.
A eles sumaranse ademais o DJ coruñés Gorllitox, o primeiro dos que amenizará o fin de festa en cada unha das xornadas do festival.
Melodías experimentais e vangardistas son as que ofrecen os australianos Eggy, que pararán en Pontevedra dentro da súa xira por Europa.
Os irmáns Julio e José, coñecidos artisticamente como Visi, achegarán ao festival o seu enfoque fresco e experimental, fusionando xéneros nun son con influencias cubanas e afroamericanas, dándolles un estilo máis moderno.
Estas tres novas apostas musicais do Surfing the Lérez estarán no festival xunto ás bandas xa anunciadas previamente, Shego, The Rapants e o británico Adrian Timms.