O Concello de Marín presentou a programación da nova edición da Vila das Letras, que se desenvolverá do xoves 14 ao domingo 17 de maio.
A proposta cultural integra a autores de recoñecida traxectoria, actividades destinadas ao público infantil e obradoiros de formación literaria en diferentes espazos da vila, como a Alameda, o Museo Torres e a Finca de Briz.
A apertura oficial terá lugar o xoves pola mañá na Finca de Briz. Os centros escolares CEIPP do Carballal, CEIPP da Laxe, EEI O Grupo e o CEIPP Sequelo participarán na actividade "Versos que florecen", que contará coa música e animación do Grupo Armadanzas.
A xornada do venres 15 centrarase na narrativa contemporánea na Alameda. O escritor local David Gago, impulsor da asociación DeLetrea, repasará a súa bibliografía e a súa última incursión no xénero do misterio coa novela La morgue flotante.
A continuación, o autor Pedro Feijoo, Premio Xerais 2023, compartirá os detalles do seu proceso creativo e presentará o seu traballo máis recente, Donde nacen las bestias. A música de Saljariteiros pechará o día.
O sábado 16 a actividade trasládase ao Museo Torres e á Biblioteca Vidal Pazos. A escritora Elena Gallego Abad impartirá un obradoiro de escrita creativa baseado na traxectoria xornalística de Begoña Caamaño.
Pola tarde, a programación literaria continuará coas presentacións de Alba Tomé, que dará a coñecer a obra As humidades, e Olaia Sendón, que presentará o proxecto Tras da mirada de José Suárez.

A xornada rematará coa intervención de María Solar, gañadora do Premio Xerais de Novela 2022, que falará sobre o seu libro As malas ideas.
17 DE MAIO
O Día das Letras Galegas comezará cunha feira de libros usados organizada pola asociación Mulleres Intercambio do Saber na Alameda. Ás 12.00 horas celebrarase o acto institucional de entrega do XXIII Premio de Poesía do Concello de Marín, cuxo fallo se fará público o vindeiro 14 de maio despois da reunión do xurado.
A figura de Begoña Caamaño volverá estar presente o domingo cunha performance de radio da editorial Cuarto de Inverno e a repartición de exemplares de Begoñísima, obra da autora local Andrea Nunes Brión. O evento concluirá pola tarde cun concerto da Banda de Música de Marín e a tradicional queimada.
Para participar nos obradoiros de escrita de Elena Gallego é necesaria a inscrición previa a través do correo electrónico da alcaldía, mentres que para a actividade infantil de Claudia Prado o rexistro realizarase de xeito presencial antes do inicio da sesión.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.