O Concello de Marín abriu a convocatoria do XXIII Premio de Poesía.
O certame está enmarcado na celebración do Día das Letras Galegas e busca consolidarse como referente para a creación poética emerxente.
Esta edición anuncia un novo evento literario para o fin de semana da conmemoración, que recollerá o ronsel do 'Vila do Libro' e do que darán máis detalles proximamente.
A principal novidade é a limitación de idade, fixada entre 18 e 35 anos co obxectivo de servir de impulso a novas voces a través do recoñecemento público e premios económicos atractivos.
Os traballos deben presentarse en galego, ser orixinais e inéditos, con temática libre e unha extensión mínima de 100 versos (un poema ou varios). Valorarase a orixinalidade temática, a linguaxe e estilo ricos e a calidade da obra.
Os premios son de 1.000 euros para a obra gañadora e un accésit de 200 euros para o traballo que recolla méritos suficientes para ser destacado.
O prazo de recepción vai desde este venres, 20 de marzo ao 4 de maio ás 14:00 horas.
Usarase o sistema de plica para garantir o anonimato e a presentación farase, preferiblemente, en formato dixital USB. Tamén se mantén a opción de presentación en papel.
O xurado, que estará formado por expertos en cultura e literatura galegas, fallará o 14 de maio a través das canles oficiais do Concello.
A entrega celebrarase no acto do Día das Letras Galegas, onde as persoas premiadas comprométense a acdir para recoller o galardón e ler as obras en público.
As bases completas pódense consultar na páxina web municipal.