A Praza da Ferrería de Pontevedra volveu converterse onte á noite no epicentro da música coral coa celebración do tradicional Festival de Corais, unha das citas ineludibles dentro da programación das Festas da Peregrina.
Desde as 21:00 horas, coincidindo coa procesión, seis agrupacións con voces maioritariamente veteranas encheron o espazo de melodías tradicionais galegas, congregando a un numeroso público.
Participaron nesta edición a Coral Alameda do Fogar do Maior, Coral Bella Helenes, Coral Helénica, Coral Polifónica de AC do Chopo, Coral Airiños de Campañó e Coral Pontis Veteris.
Todas elas ofreceron un repertorio centrado principalmente en pezas tradicionais, que foron moi aplaudidas polos asistentes, nunha noite que mantivo a praza ateigada de público e de ambiente festivo. Ata algunha agrupación decidiu interpretar de maneira divertida temas populares como "Quince años tiene mi amor" do Dúo Dinámico, entre outros cancións.
A programación das Festas da Peregrina continúa este luns 11 de agosto con diversas actividades musicais e culturais.
Pola mañá, a animación estenderase por rúas e prazas con actuacións de grupos como Os de Algures (11:45 h) e Pola Vila (13:00 h nos barrios de San Antoniño e Santa Clara), ademais dos pasarrúas da charanga OT (12:00 h).
Pola tarde, a música continuará con Rías Baixas, Pousos da Area e a charanga OT, que percorrerá Campolongo e Rosalía de Castro desde as 19:00 horas.
O público infantil poderá gozar de María Carrera A Bruxa Maruxa na Praza da Curtidoira ás 19:30 horas.
A noite promete dous grandes concertos: Los Niños de Jesús, a banda do presentador e xornalista Jordi Évole, actuará na Praza da Ferrería ás 21:00 horas, mentres que o rapeiro Khea subirá ao escenario da Praza de España ás 22:30 horas.
A xornada pecharase cunha verbena na Gran Vía de Montero Ríos a cargo da orquestra Alabama, a partir das 22:45 horas.