O xenio de David Lynch revelarase a través do oído no FICBUEU

Bueu
08 de agosto 2025
Actualizado: 15 de outubro

O Festival Internacional de Cinema de Bueu dedicará as súas Xornadas Cinematográficas á relación entre música e cinema, cun especial protagonismo para o director estadounidense

The Grandmother, de David Lynch FICBUEU

O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) afonda este ano na estreita relación entre música e cinema a través dunhas Xornadas Cinematográficas que analizarán o traballo de David Lynch desde unha perspectiva sonora, ademais de acoller diversos encontros con compositores e especialistas do sector.

A décimo oitava edición do certame, que se celebrará entre o 5 e o 20 de setembro, contará cunha actividade titulada "Análise fílmica. David Lynch visto cos ouvidos", na que o especialista en música de cine Conrado Xalabarder explorará o uso artístico que o director fai tanto do son como da música para converter os seus filmes nunha experiencia sensorial única.

Durante a sesión analizaranse algunhas das obras máis representativas do cineasta, como "The Elephant Man" (1980), "Blue Velvet" (1986), "Twin Peaks" (1990) ou "Mulholland Drive" (2001).

A actividade culminará coa proxección de "The Grandmother" (1970), unha das primeiras curtas dirixidas polo cineasta estadounidense.

Ademais do foco en Lynch, as Xornadas acollerán tamén un encontro sobre "A música e a montaxe en Romería", filme inaugural desta edición do festival.

Nesta actividade, a montadora Ana Pffaf e o compositor Ernest Pipó reflexionarán sobre os seus procesos de traballo conxunto na película de Carla Simón, nunha sesión moderada por Gaspar Broullón e aberta ao diálogo co público.

En colaboración con Musimagen (Asociación de Compositorxs de Música para el Audiovisual), o FICBUEU organizará tamén tres mesas de "Diálogos sobre a composición" nas que profesionais da banda sonora conversarán por parellas sobre diversos aspectos do seu traballo.

Alicia Morote e Gustavo Gill falarán sobre os inicios na composición e a creación de cancións para o cine; Iván M. Lacámara e Mara Villavicencio centraranse no aspecto tecnolóxico, sintetizadores e hibridación sonora; mentres que Alberto Torres e Gabi Martínez abordarán o deseño sonoro e o guión musical.

O programa completarase cunha clase maxistral impartida polo crítico de cinema Diego Salgado, quen propoñerá unha viaxe polos aportes das compositoras á historia da música de cine.

A ponencia, que destacará figuras como Doreen Carwithen, Shirley Walker, Rachel Portman, Hildur Guðnadóttir e Mica Levi, non só se centrará nas autoras máis recoñecidas, senón que tamén atenderá ás figuras de culto e ás circunstancias socioculturais que condicionaron a súa presenza na industria.