300 regatistas internacionais participarán na Junior World Championship de Vilagarcía

O Salnés
30 de abril 2024

Este martes 30 era presentado no Centro Galego de Vela, en Vilagarcía de Arousa, o Junior World Chammpionship das clases 49er, FX e Nacra 17, modalidades olímpicas que, desde o 14 ao 21 de xullo, vai celebrarse en augas da Ría de Arousa

Competición junior de vela Real Federación Galega de Vela - Arquivo

Do 14 ao 21 de xullo, Vilagarcía de Arousa converterase no punto de referencia da vela coa celebración do Junior World Champioship das clases 49er, FX e Nacra 17, modalidades olímpicas. 

Este martes presentábase no Centro Galego de Vela este campionato que se disputará na Ría de Arousa, con participación intercontinental que trasladará a Vilagarcía a máis de 300 regatistas de 25 nacionalidades distintas, pertencentes a catro continentes.

Á presentación asistía Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deporte; José Ramón Lete, secretario xeral para ou Deporte; Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía; Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación; a directora da Autoridade Portuaria do Porto de Vilagarcía, Begoña Mesejo; e o presidente e vicepresidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde e Pedro Piñeiro, entre outras autoridades.

Begoña Mesejo manifestaba que é un "orgullo" esta celebración no porto de Vilagarcía nunhas instalacións "froito da colaboración das administracións converténdose nun referente internacional". Engadiu que era de suma importancia esta actividade de integración entre o porto e a cidade para facilitar o desenvolvemento de actividades e promocionando o deporte.

Pola súa banda, Luisa Sánchez destacaba que a ría de Arousa acollerá os "mellores regatistas do mundo destas tres categorías. Pontevedra é unha provincia de campións e de organizadores de grandes eventos". 

O vicepresidente da Xunta, pola súa banda, felicitaba o traballo desenvolvido pola Real Federación galega de Vela e destacou que os regatistas son "os nosos mellores representantes" ao levar a bandeira de Galicia por todo o mundo.

O alcalde Alberto Varela finalizaba o acto subliñando as posibilidades que ofrece a ría de Arousa para a práctica deste deporte e recoñecendo o traballo tanto da Federación como do centro de tecnificación deportiva, ao que cualificou como "un dos mellores de España". Na mesma liña manifestárase Manuel Villaverde ao considerar un "local marabilloso" o espazo que a Xunta de Galicia destina para a formación do deporte da vela en Vilagarcía.