400 escolares aprendendo co xadrez

Pontevedra
27 de maio 2016

A Escola Xadrez Pontevedra organizou este venres unha nova xornada de Xadrez na Rúa, actividade que mestura educación, deporte e cultura e que contou coa colaboración de catro centros de ensino da cidade

Xadrez na Rúa 2016
Xadrez na Rúa 2016 / Mónica Patxot

Educación, deporte e cultura. Eses valores tenta transmitir o xadrez nos centros de ensino da cidade que apostan por esta actividade nas súas aulas.

Escolares de catro deses centros (CEP Campolongo, CEIP Vidal Portela, CEIP Xunqueira II e Colexio San José) participaron este venres nunha nova xornada de Xadrez na Rúa, organizado pola Escola Xadrez Pontevedra.

En total 400 alumnos de Primaria protagonizaron preto de 1.000 partidas de xadrez en apenas dúas horas de actividade, desenvolvida na Praza de España.

Cada colexio presentou equipos de 10 xogadores, que contaban cun tempo marcado de 20 minutos por partida.

Tras o Xadrez na Rúa este sábado toma a testemuña o VII Pontexadrez, torneo incluído no Circuíto Galego Escolar.