O Pontevedra Club de Fútbol traballa a contrarreloxo para que o Estadio Municipal de Pasarón estea a punto para a primeira xornada do campionato ligueiro.
O tempo corre en contra da entidade granate, e é que o coliseo pontevedrés segue sen céspede a 12 días do primeiro partido de liga, fixado para o domingo 3 de setembro (19.00 horas) fronte á Gimnástica de Torrelavega.
Desde que os traballos de substitución do tapete comezasen, a principios do mes de agosto, os esforzos centráronse en acondicionar a drenaxe do terreo de xogo, achegando novas capas de mineral para acabar cos problemas que ocasionaban as choivas en pasadas tempadas.
Con este labor xa concluído, só queda agora acometer a instalación dos tepes de herba natural, que á súa vez necesitan dun tempo de consolidación para que a operación sexa eficiente.
A falta deste último paso, o que parece pouco probable é que o equipo adestrado por Yago Iglesias poida aclimatarse ao céspede antes do inicio da competición, despois dun verán no que non puido nin adestrar nin xogar amigable algún no seu estadio.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.